Aberta a matrícula para participar na Escola de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia
O Concello de Ribadumia abre o prazo para matricularse na Escola de Ocio e Tempo Libre de verán. As inscricións pódense facer nas oficinas municipais e a documentación que deben entregar no momento de anotarse é a copia do DNI do pai, nai, fillo ou libro de familia; o certificado de empadroamento/convivencia; copia dos contratos laborais; e número de conta bancaria. O prazo de inscrición remata o martes 17 de xuño ou unha vez completadas as prazas dispoñibles.
Os requisitos necesarios para participar neste programa é que os nenos teñan entre 3 e 14 anos, estean empadroados no Concello de Ribadumia e que os dous pais traballen. A cuota mensual que deben aboar as familias é de 30 euros ao mes, agás no caso de que sexan máis de dous irmáns –de tres en diante-, nos que se abonan 20 euros por cada un.
A Escola de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia funciona durante todo o ano. Nos meses de xullo e agosto, a escola desenvólvese en horario de mañá, de 8:00 a 14:00 horas, na Casa da cultura de Ribadumia. Durante as vacacións, os rapaces disfrutan de xornadas lúdicas, talleres e xogos organizados polos monitores.
Este programa municipal, ten maior éxito de participación durante os meses de verán porque os pais atopan máis problemas para conciliar os seus horarios coas vacacións dos seus fillos. “Desde primeira hora da mañá e ata a hora de comer, os nenos van estar coidados e, o máis importante, entretidos con numerosas e variadas actividades”, defende a alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña.
A Escola de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia é un dos programas postos en marcha polo Concello de Ribadumia para facilitar a conciliación familiar e laboral. Xunto coa Aula de Acollida, a escola de ocio, a Gardería Municipal e o Centro de día, o Concello de Ribadumia facilita a compatibilidade de horarios dos seus veciños. Asemade, tamén outorga importantes subvencións para o funcionamento do comedor escolar.











