A XVIII Festa da Troita de Sigüeiro incluirá a degustación dun milleiro de quilos deste peixe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOroso
A-
A+

Os visitantes da XVIII Festa da Troita, que terá lugar en Sigüeiro (Oroso) dende mañá venres 9 de maio ata o domingo 11 de maio, darán boa conta de máis dun milleiro de quilos de troitas, repartidos entre a degustación programada polo Concello de Oroso na Alameda de Góis, os 38 bares participantes na degustación deste ano e o xantar popular, que este ano deixa de celebrarse no polideportivo para volver á carpa da Alameda de Góis, centro neurálxico dos festexos.

O coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira, agradece e celebra “a colaboración dos 38 establecementos de hostalería que participan na degustación de troitas deste ano pois é importante lembrar que son eles os que fan un investimento significativo para mercar as troitas coas que agasallar aos seus clientes durante o domingo 11 de maio”. Unha degustación na que participan 20 establecementos de Sigüeiro e 18 nas distintas parroquias do municipio, o que demostra que a Festa da Troita implica a todos os veciños e veciñas de Oroso.

Leira Piñeiro considera que “a pesar da crise económica, penso que contamos cun programa de festexos atractivo para atraer a un gran número de visitantes. Semella que o tempo nos vai acompañar e se a iso sumamos as novidades como poden ser o Mercado Medieval ou a I Quedada BTT da Troita, estou convencido de que superaremos o obxectivo dos 25.000 visitantes que nos marcamos o ano pasado. Isto suporá un importante apoio para o sector hostaleiro orosán e tamén unha importante promoción para Oroso”.

Venres

A XVIII Festa da Troita comezará mañá venres 9 de maio, ás 17:00 horas, coa apertura do Mercado Medieval na contorna da Praza Isaac Díaz Pardo. Haberá pasacalles con zancos (17.30 horas), pompas de xabón xigantes (18:30 horas), maxia para nenos/as (19.30 horas), pasacalles con malabares (20:00 horas) e un grande espectáculo de lume ás 22:00 horas, xusto despois do peche do mercado. Un mercado que contará coa participación de 30 artesáns, que estarán traballando en vivo diante dos milleiros de persoas que visiten Sigüeiro durante a Festa da Troita, interactuando cos visitantes e ofrecendo os seus produtos de talla de madeira, de cantería, de pintura, de coiro, de cestería…

Ás 20:00 horas terá lugar o tradicional sorteo do Campionato de Pesca no centro cultural de Sigüeiro que, media hora máis tarde, acollerá a inauguración da VII Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes por parte do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e do presidente da Mancomunidade, Manuel Regos.

Esta mostra recolle os traballos realizados ao longo do ano polos alumnos e alumnas de preto de trinta obradoiros da comarca de Ordes: Obradoiro Municipal de Traballos Manuais e Pintura do Concello de Cerceda, Obradoiro Municipal de Traballos Manuais do Concello de Frades, Obradoiro Municipal de Coiro e Costura do Concello de Mesía, Obradoiro Municipal de Debuxo e Pintura do Concello de Ordes, Unidade Galega de Veciños e Mulleres Rurais de Montaos (Ordes), Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Asociación Veciñal “O Cruceiro” de Beán (Ordes), Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade do Concello de Ordes, Obradoiros Municipais do Concello de Oroso (traballos manuais, debuxo e pintura, fofuchas, patchwork, labores, candeas e xabóns), asociacións veciñais “Penateixa”, “Garga Trasmonte” e “Pena do Tesouro” (Oroso), Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Oroso), Asociación de Mulleres “Pedralonga” (Tordoia) e a Asociación de Mulleres de Trazo.

A xornada pecharase coa primeira sesión do Festival Oroso en Vivo, que contará coa participación das orquestras Costa Oeste e París de Noia, esta última todo un referente da Troita, onde leva xa varios anos actuando como primeira orquestra da Festa e atraendo a unha media de máis de 5.000 persoas ata a Alameda de Góis.

Dispositivo

Os voluntarios de Protección Civil de Oroso, así como os membros da Policía Local e os traballadores municipais encargaranse de que todo saia como está previsto durante os tres días que dura a festa. Así, dende Protección Civil informan de que o tráfico polo centro de Sigüeiro só estará cortado durante a xornada do domingo, o día grande da Festa, salvo no que atinxe á rúa Camiño Inglés, onde se colocan as barracas e as atraccións que estará pechada ao tráfico dende a tarde do venres 9 de maio (coa única salvedade de que quedará un espazo habilitado de acceso ao Centro de Saúde, por se tivera lugar algunha urxencia).

A xornada de maior afluencia de xente será a mañá do domingo 11 de maio, especialmente a partir das 11:00 horas. Dende Protección Civil recomendan aos condutores procedentes de Ordes que estacionen no polígono de Sigüeiro e se acheguen ata a festa a través do Paseo do Río Carboeiro, que nos últimos días foi especialmente acondicionado para a ocasión. Para os visitantes procedentes de Santiago, a recomendación é aparcar ao longo da Avenida da Grabanxa, onde haberá varias parcelas de estacionamento á altura da rúa do Deporte. En todo caso, dende o Concello de Oroso recomendan aos visitantes que se deixen aconsellar polos operarios de Protección Civil para atopar o mellor lugar onde aparcar.

8 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.