A Xunta Local de Seguridade confirma a baixada xeral de delitos na Laracha
A Xunta Local de Seguridade reuniuse hoxe no salón de Plenos da Casa Consistorial nunha xuntanza que estivo presidida polo alcalde do Concello da Laracha -José Manuel López Varela- e contou coa presenza, como voceiros, da vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia -Eva Vázquez Castelo-, a xefa da unidade de coordinación contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno na Coruña –Judit Fontela- o inspector xefe da Policía autonómica na Coruña -Antonio Nieto-, o cabo da Garda Civil do Posto da Laracha -Sergio García-, o oficial da Policía Local -José Antonio Arcas- e representantes dos tres grupos políticos con representación na Corporación municipal –José Manuel Iglesias (PP), Juan Manuel Ramos (PSOE) e Xoán Manoel Sande (BNG)-.
No primeiro punto da orde do día abordouse a situación actual da seguridade cidadá. Os datos oficiais expostos na reunión indican un descenso xeral na comisión de delitos (principalmente, roubos con forza) con respecto ás cifras de anos anteriores, que xa de por si eran favorables ao situarse por debaixo da media da provincia da Coruña. Por tanto, as estatísticas poñen de manifesto a percepción xeral de que A Laracha é un concello tranquilo e seguro.
Aproveitando a proximidade do inicio do verán e a celebración de festas, feiras, romarías e demais eventos multitudinarios nas diferentes parroquias do termo municipal (incluíndo a feira quincenal de Paiosaco que se desenvolve durante todo o ano), a continuación analizáronse os protocolos e actuacións a desenvolver para garantir unha correcta coordinación entre todas as forzas e corpos de seguridade cos obxectivos de mellorar a seguridade cidadá en xeral e tamén o tráfico rodado. Neste sentido acordouse convocar nos próximos días unha Comisión de Coordinación Policial na que se afondará neste tema.
No apartado referido á situación da violencia de xénero no municipio, convidouse a participar na Xunta Local de Seguridade a Ana Aldao, psicóloga e directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, que fixo un balance das actuacións que se desenvolven cos obxectivos de prestar atención integral ás vítimas desta lacra social e promocionar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ana Aldao tamén fixo referencia á excelente coordinación profesional que existe entre o Concello da Laracha, a Policía Municipal, os centros médicos, os colexios e o Instituto para detectar e previr casos de violencia de xénero.
Por último, a sesión pechouse cun recordatorio das novidades que establece a nova lei que regula a organización de celebracións e actividades recreativas, incluíndo unha serie de medidas que afectan ás Comisións de Festas, por exemplo, á hora da realización de espectáculos pirotécnicos. No pasado mes de abril o alcalde e o secretario do Concello da Laracha mantiveron unha reunión con membros de todas as Comisións de Festas para informarlles deses novos cambios lexislativos.











