A Xunta incrementa en 6.000 horas o SAF que o Concello de Pontevedra reclama dende 2013
O Concello de Pontevedra recibiu esta mañá a boa noticia de que está autorizado a dar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) suxeito á Lei de Dependencia. Hai que lembrar que o Concello solicitou este incremento en febreiro de 2013 (e estaba á espera até agora) en función da importante demanda cidadá que tiña este servizo.
O Servizo de Axuda no Fogar suxeito á Lei de Dependencia está cofinanciado entre a Xunta de Galicia, a través da Concellaría de Traballo e Benestar, e o Concello de Pontevedra. Co incremento de 6.000 horas, pasaranse de 27.500 horas a 33.000 horas de axuda o que suporá un orzamento total de 494.340 euros, dos cales 320.000 euros achégaos a Xunta e 174.000 euros, o Concello de Pontevedra.
Segundo as estimacións da Concellaría de Benestar Social Municipal, que xestiona Carmen Fouces, este incremento de horas permitirá incorporar ao SAF da Lei de Dependencia entre 12 e 14 novos usuarios este mesmo ano.
A Concellaría considera esta autorización da Xunta unha boa noticia, aínda que critica que se tardase máis de un ano en decatarse do evidente incremento de usuarios susceptibles de acollerse á Lei de Dependencia.











