A Xunta de Goberno de Pontevedra aproba unha modificación de crédito de 4,1 millóns de euros
O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno Local extraordinaria para a aprobación dunha modificación de crédito de 4.170.225,35 euros.
Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González este luns, na pasada Xunta de Goberno deuse conta do auto do Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra sobre o pleito da parcela do paseo do Gafos. Nesa reunión de onte, a asesoría xurídica do Concello recomendou consignar tanto a cantidade principal, como os intereses así como o 25% de indemnización para evitar que sigan correndo os intereses incluidos no citado auto. É dicir, a consignación de 3.993.000 euros (1,3 millóns de euros xa foron abonados á familia fai uns anos).
Ante esta recomendación, esta mañá volveuse a reunir a Xunta de Goberno en sesión extraordinaria para facer esta modificación de crédito que se completa cunha obra no pavillón municipal de deportes de 50.007 euros, así como a consignación orzamentaria para o terceiro prazo do plan Monte Vivo por valor de 126.984 euros.
Segundo explicou o portavoz do Goberno, “con esta modificación de crédito non se modifica o orzamento. Increméntase porque se financia con cargo ao remanente líquido de Tesourería”. Tamén precisou que se cumpre o teito de gasto e a estabilidade orzamentaria.
Raimundo González recordou que a petición dos propietarios era de 19 millóns de euros, mentres a que sae no auto é sensiblemente inferior, son 5,3 millóns.











