A xunta de goberno da Laracha solicita subvención para o cofinanciamento da actividade da oficina de información xuvenil
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que se acordou solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para a realización de actividades dirixidas á mocidade, promoción da información xuvenil e desenvolvemento de propostas para a educación non formal e a participación social deste colectivo.
Con cargo a esta liña de axudas o Concello da Laracha propón cofinanciar os gastos derivados do funcionamento, ao longo de todo o ano, da Oficina Municipal de Información Xuvenil.
Este servizo municipal, ademais de ofrecer información –e tramitar as solicitudes- sobre as convocatorias de axudas e subvencións por parte das diferentes administracións, colabora na organización de programas de actividades culturais, deportivas, educativas e eventos propios que desenvolve o Concello da Laracha.
Facturas
Na reunión de hoxe tamén se aprobaron facturas de gastos por un importe próximo aos 40.000 euros, entre as que cabe salientar o pagamento do último mes tanto a Sogama polo tratamento dos residuos sólidos urbanos como á empresa responsable da limpeza dos edificios e instalacións municipais.