A Xunta apoia a inclusión da cuestión demográfica nas prioridades do Comité das Rexións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na reunión da comisión de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións, na que foi presentada e discutida a aportación desta comisión ás prioridades políticas do Comité das Rexións para 2015-2020, que serán aprobadas na sesión plenaria prevista para finais de xuño.

Entre os puntos comentados, correspondentes ás competencias da comisión COTER, incluíronse novamente os problemas demográficos como cuestión a ter en conta en relación coas políticas de cohesión territorial e o reparto de fondos. Este punto está directamente vinculado co traballo que veñen realizando Galicia e outras cinco CC.AA. españolas nos últimos meses, que persegue, ademais de acadar unha maior sensibilización sobre o cambio demográfico, a inclusión desta problemática como unha prioridade na execución de todos os programas de financiamento comunitario do período 2014-2020. Con este obxectivo, representantes das seis comunidades autónomas visitaron Bruxelas o pasado mes de abril para reunirse con Laszlo Andor, comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, con outras rexións europeas afectadas polo mesmo fenómeno e con europarlamentarios españois.

Outros dos eixos da achega de COTER ás prioridades do CdR foron o respaldo ao desenvolvemento de estratexias macrorrexionais mediante liñas orzamentarias específicas, a demanda de elaboración dunha axenda urbana da UE ou a incidencia na necesidade de concluír o espazo único europeo de transporte.

Mellora das comunicacións naquelas rexións cunha poboación illada ou dispersa

Nesta sesión tamén se comezou a traballar nun borrador de ditame referido á mellora da mobilidade en aquelas rexións da Unión Europea con desvantaxes xeográficas e demográficas, entre as que Galicia se inclúe por dúas problemáticas específicas: o envellecemento e a dispersión da súa poboación.

Na reunión de COTER destacouse a importancia deste asunto pola súa incidencia no crecemento económico e na competitividade das rexións e, en consecuencia, na cohesión territorial da UE, así como polo serio risco de despoboación que comporta. Foi tomado como punto de partida para as reclamacións expostas o recoñecemento dende o Tratado de Lisboa, en 2009, da necesidade de prestar especial atención a aqueles “territorios con características xeográficas específicas” a través da política de cohesión económica, social e territorial. Entre elas, inclúese as rexións que afrontan os maiores desafíos demográficos.

De tal xeito, durante a sesión traballouse na identificación das medidas ou incentivos máis adecuados para a mellora da mobilidade nestas rexións, sinalándose como prioritarios a mellora das súas conexións aéreas e marítimas, así como a optimización do funcionamento dos distintos fondos da UE que poidan contribuír a este obxectivo, tales como o Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE) ou o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEADER).

Por unha estratexia urbana en Europa máis coherente e eficaz
Así mesmo, durante a reunión de hoxe aprobáronse tres proxectos de ditame que pasarán a ser debatidos no vindeiro pleno do Comité das Rexións do 25 e 26 de xuño. En dous deles reclámase unha maior atención á dimensión urbana das políticas e lexislación comunitarias, en especial daquelas referidas á mobilidade.

A Comisión COTER

A comisión de Cohesión Territorial é unha das seis comisións de traballo do Comité das Rexións da Unión Europea. Encárgase da elaboración de proxectos de ditames relativos as políticas de cohesión territorial, económica e social: fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte. A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega no CdR, tanto nas dúas comisións das que é membro a nosa comunidade (CIVEX e COTER), como nas sesións plenarias deste órgano comunitario.

5 de maio de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.