A Tradescola organiza unha nova edición do curso de construción de palletas e pallóns
A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, organiza unha nova edición do curso de construción de palletas e pallóns que terá lugar o vindeiro sabado 31 de maio e que xa ten cubertas a totalidade das prazas ofertadas. Este curso de confeción de palletas e pallóns, que impartirá o artesán Pontés Xaime Pena é imprescindible para todas aquelas persoas amantes da música tradicional e particularmente para os alumnos que se están formando na aprendizaxe da gaita, xa que nesta xornada, poderanse adquirir unhas nocións básicas sobre a construcción e a manipulación de palletas e pallóns, as peculiaridades dos materiais cos que se realizan, o trato que se lles debe dar, a importancia das condicións atmosféricas no comportamento destes elementos, etc.
A Asociación de Gaiteiros Galegos, a través deste curso organizado pola Tradescola, pretende facer fincapé no coñecemento das palletas e pallóns e a estreita relación que esta actividade ten coa interpretación do instrumento. Pretendemos que este curso sirva de ferramenta para iniciar aos asistentes nun tema que é fundamental para a perpetuación dun dos instrumentos máis emblemáticos da nosa cultura.
O horario do curso, que terá lugar na TRADESCOLA, no Centro LUG 2 ( Rúa Pintor Corredoira nº 4), será de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.











