A Tradescola colaborou co proxecto Galauda nun concerto didáctico de música tradicional

Concerto didáctico
No día de hoxe ás 11.00 horas, a Tradescola colaborou co proxecto Galauda impartindo un concerto didáctico de música tradicional no salón de actos do Centro LUG II, dirixido aos alumnos de 1º de ESO de El Casal (Castellar del Vallès, Barcelona), que forman parte deste proxecto educativo intercultural, e que nesta ocasión estiveron acompañados polos alumnos de sexto de primaria do CEIP Anexa de Lugo.
O Proxecto Galauda, naceu na Secció de Filologies Gallega e Portuguesa da Universidade de Barcelona, é un proxecto educativo intercultural que pretende provocar nos adolescentes unha percepción da diversidade lingüística e cultural como unha necesidade incuestionable para as sociedades actuais.
Cada ano o alumnado catalán fai unha viaxe a Galicia e nesta ocasión aloxaranse de novo na cidade de Lugo.
Nesta ocasión, a Tradescola colaborou con este proxecto, organizando un concerto didáctico no que os escolares coñeceron os distintos instrumentos, ritmos, e formacións protagonistas da música tradicional e popular galega, así como a evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. O concerto estivo guiado polos mestres da Tradescola, Bruno Villamor, Xela Conde e Gerardo Quintela.
Este concerto está enmarcado dentro do conxunto de actividades que realiza a Tradescola co propósito de achegar a cultura tradicional galega a toda a poboación. A Tradescola, a maiores das clases semanais que imparte a máis de 220 alumnos, e no seu afán de normalizar e incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, organiza cursiños monográficos e realiza outras actividades como charlas, exposicións, concertos, mostras e xornadas ao longo do ano. A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) a través da Tradescola, mostra así a súa inquedanza por manter vivas as nosas tradicións e conservar, promocionar e difundir a nosa cultura.











