A Tradescola colabora co proxecto Galauda nun concerto didáctico de música tradicional
O vindeiro día 12 de Maio ás 11.00 horas, a Tradescola colaborará co proxecto Galauda impartindo un concerto didáctico de música tradicional no salón de actos do Centro LUG II ( rúa Pintor Corredoira nº 4), dirixido a alumnos de 1º de ESO de El Casal (Castellar del Vallès, Barcelona), que forman parte deste proxecto educativo intercultural, e que nesta ocasión estarán acompañados polos alumnos de sexto de primaria do CEIP Anexa de Lugo.
O Proxecto Galauda, naceu na Secció de Filologies Gallega e Portuguesa da Universidade de Barcelona, é un proxecto educativo intercultural que pretende provocar nos adolescentes unha percepción da diversidade lingüística e cultural como unha necesidade incuestionable para as sociedades actuais.
Nesta ocasión, a Tradescola colabora con este proxecto, organizando un concerto didáctico no que os escolares coñecerán os distintos instrumentos, ritmos, e formacións protagonistas da música tradicional e popular galega, así como a evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. O concerto estará guiado polos mestres da Tradescola, Bruno Villamor e Gerardo Quintela.











