publicidade hoxe

A TIC colabora con Rábade contribuíndo á mellora da calidade de vida dos maiores do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRábade
A-
A+

A Fundación TIC colabora co Concello de Rábade no desenvolvemento de “Actívate ca música… en Rábade”, unha actividade organizada dentro do programa municipal de ocio e tempo libre para a prevención da dependencia, que ten por obxectivo contribuír á mellora da calidade de vida dos maiores do municipio. Alumnos, bolseiros e técnicos da TIC gravarán este venres 9 de maio a actuación musical que o artista lucense David Prado e a súa banda ofrecerán no Centro Sociocultural da localidade ás 20:30 horas. Durante o concerto presentarán o tema 80 días, cantado polos maiores de Rábade, que será o colofón ó obradoiro de canto moderno organizado polo Concello. A Fundación recollerá a actividade nun DVD.

Esta colaboración forma parte do obxectivo da TIC de promover a provincia e as actividades organizadas polos Concellos. Outros exemplos recentes desta liña de actuación son a divulgación, a través de diversos produtos audiovisuais, da Ruta Cicloturista dos Lobos celebrada na Fonsagrada, a Festa do Viño Novo de Monforte ou a Feira do Viño de Amandi de Sober. Deste xeito tamén se contribúe á formación práctica dos alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, de cara a súa inserción laboral.

Música para o benestar social
Actívate ca música… en Rábade é un programa destinado a estimular, a través da música, as habilidades físicas e mentais das persoas da terceira idade na localidade rabadense, para que poidan seguir activas e gocen do seu ocio e tempo de lecer, participando na sociedade e mellorando a súa calidade de vida. Rábade, como a gran maioría dos Concellos da provincia de Lugo, presenta unha taxa de poboación moi avellentada, co 33% dos seus habitantes maior de 65 anos.

7 de maio de 2014 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.