A Subcomisión do Camiño Portugués aborda en Braga os aspectos promocionais, infraestruturais e de sinalización
A cidade portuguesa de Braga acolleu hoxe a reunión da Subcomisión do Camiño Portugués que contou coa presenza de representantes de Turismo de Galicia, do Eixo Atlántico e mais dos concellos que atravesa o Camiño Portugués.
Os obxectivos deste grupo de traballo pasan polo regulamento e coordinación de accións desenvolvidas nos camiños, a sinalización institucional dos itinerarios, a dispoñibilidade de información de natureza histórica e patrimonial e a creación de estruturas de apoio ao peregrino, así como a coordinación de accións municipais.
De igual modo, no eido da promoción perséguese a implementación dunha imaxe conxunta e a creación de ferramentas e accións de promoción integradas.
Os traballos que se abordan divídense en accións comúns, como a creación de dosieres, o traballo nunha imaxe conxunta ou a realización de seminarios, exposicións e ferramentas de divulgación conxuntas, así como accións de cooperación institucional entre os entes implicados, e en accións concretas, a través da edición de folletos municipais, sinalización direccional e informativa, apertura de albergues ou acondicionamento das rutas e creación de puntos de apoio e descanso para os peregrinos.
Durante o encontro celebrado hoxe abordouse a definición do plan de traballo que levará a cabo o grupo durante esta anualidade.











