A reforma e mellora da praza de abastos de Vila de Cruces ascendería a 40.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, o concello de Vila de Cruces para recoller as propostas do municipio en relación a mellora da praza de abastos.

Durante unha reunión co alcalde da localidade, Jesús Otero, Cores Tourís coñeceu o proxecto presentado a orde do 12 de marzo de 2014 da Consellería de Economía e Industria de cara a posta en marcha de obras de adecuación do mercado municipal.

O proxecto de Vila de Cruces suporía un investimento de 40.000 euros, dos cales o 75% correspondería á administración autonómica. Suporía a substitución do pavimento, das luminarias, a instalación de fiestras de aluminio, a reparación de humidades e a colocación de telas metálicas en portas.

A orde da Consellería establece as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, pola súa banda, Cores Tourís. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Vila de Cruces, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”.

28 de maio de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.