A redución do IVE para peiteado e estética a debate no pleno de Ourense
No pleno municipal celebrado esta mañá, un dos puntos que se someteu a debate a instancias do Bloque Nacionalista Galego foi solicitar a redución do IVE aplicable ao sector de peiteado e estética. A corporación municipal, coas dúas únicas abstencións de Democracia Ourensana, manifestouse a favor da redución do IVE en ambos os dous sectores, instando ao Goberno central a que rectifique o tipo impositivo. Esta mesma moción estase a debater en todos os concellos do país, en prol de conseguir un maior apoio á proposta dos perruqueiros e esteticistas.
Dende a Asociación de Empresarios de Peiteado e Salóns de Beleza de Ourense a súa presidenta, Beatriz Gómez, agradece sinceramente este tipo de iniciativas de respaldo e apoio ao que é un clamor no sector: a volta a un IVE reducido para esta actividade co fin de frear o peche de establecementos e a destrución de emprego. Para conseguir isto, durante os meses de marzo e abril sucedéronse as protestas na rúa e as reunións do sector, tanto a nivel galego como provincial, con representantes políticos tanto do PP, coma do PSOE e do BNG.
En agosto de 2012 o goberno central decidía incrementar o IVE deste sector pasando do 8 ao 21%. Dende entón, moitos establecementos víronse obrigados a pechar as súas portas coa conseguinte perda de postos de traballo. Tras ano e media dende a reforma, en toda España se repite a mesma situación de insostenibilidade en multitude de empresas que se ven obrigadas a prescindir de persoal ou a pechar directamente, facendo fronte a situacións nas que en moitos casos xeran ingresos para cubrir gastos e seguir abertos, afastándose da viabilidade como negocio e sen a posibilidade de xerar emprego.











