A Rede de Innovación de Arteixo aplica o “modelo Disney” de innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Actualmente, as necesidades de financiamento das empresas para afrontar a innovación, e o lanzamento de novos proxectos, derivaron cara a fórmulas máis complexas e innovadoras que as fontes de financiamento tradicional. Nesta liña, durante o taller-coloquio “Como conseguir financiamento para o lanzamento de novos proxectos” preténdese realizar unha revisión de fórmulas alternativas para financiar novos proxectos empresariais e de emprendimiento. Dirixirán a actividade os relatores Gonzalo González Pérez, director comercial de AFIGAL, organización semipública de aval recíproco; e Fernando Prieto Prado, cofundador da empresa Start Your Business Consulting que busca financiamento en EE.UU a través da prestixiosa plataforma de crowfunding Kickstarter. O taller está fixado para este mércores 7, de 19.30 a 21.00 horas. Esta actividade incluída no itinerario de ferramentas e solucións tecnolóxicas dos talleres sectoriais que até setembro está a organizar a Rede de Innovación de Arteixo.

O venres 9 hai previstas dúas actividades. Na primeira, de 12.30 a 14.00 horas, dirixida a empresas do sector téxtil-confección, abordarase o traballo dos cazatendencias ou coolhunter, no seu termo en inglés. Beatriz Losada, deseñadora de moda e complementos na firma galega DeWe, explicará como estar ao tanto das tendencias e das innovacións no sector axuda a expander un negocio. O título do coloquio é “Aprende a captar tendencias para o desenvolvemento de novos produtos”. Pola tarde, a partir das 17.00 até as 20.00 horas, desenvolverase o taller experimental para dar a coñecer as técnicas de creatividade que poden aplicarse aos negocios para aumentar a súa rendibilidade. En concreto, poderanse de exemplo o denominado “Modelo Disney” que consiste en aplicar a forma que tiña o empresario americano Walt Disney para levar a cabo as súas creacións orixinais, innovadoras e sustentables no tempo. A actividade inclúe ademais unha sesión de networking durante a que se exporán casos prácticos para solucionar entre os asistentes. As relatoras que dirixirán a sesión son Eliana Oliveros e Leticia Prada, fundadores e directivas da Escola dos Emprendores de Galicia.

Estas actividades enmárcanse dentro dos talleres sectoriais organizados pola Rede de Innovación de Arteixo divididos en 7 itinerarios especializados relacionados cos sectores produtivos con máis presenza en Arteixo. Estes son comercio e servizos, industria e manufactura, téxtil e confección, agroalimentario e construción. A maiores, preséntanse dúas áreas transversais como son eficiencia enerxética e sustentabilidade e ferramentas e solucións tecnolóxicas. As actividades terán lugar cada semana, até o próximo mes de setembro, e sempre en distintos horarios para facilitar a asistencia do público ao que van dirixidas.

A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Para obter máis información sobre os servizos da Rede de Innovación de Arteixo, os interesados poden contactar no email RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou ben dirixirse ao persoal da Oficina da Rede de Innovación, situada no Centro Arteixo Innovación (zona deportiva e escolar) en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas de luns a xoves; os venres só pola mañá.

6 de maio de 2014 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.