A reclamación do Concello de Monforte permite a devolución de máis de 27.000 euros de Gas Natural Fenosa
A concellería de Servizos Municipais informa que a empresa Gas Natural Fenosa devolveulle ó Concello 27.222,61 euros como consecuencia das reclamacións presentadas pola entidade municipal.
A Delegación de Servizos Municipais está realizando unha exhaustiva revisión das facturas emitidas pola empresa subministradora de enerxía eléctrica, traballo que, entre outras cuestións, levouna a concluír que Gas Natural Fenosa está cobrando indebidamente polo concepto de enerxía reactiva.
Segundo o Decreto 1.164/2001 o concepto de enerxía reactiva non é aplicable ás subministracións 2.0 e 2.1 con discriminación horaria, e dicir, con diferente prezo da enerxía consumida segundo a hora na que se produza ese consumo. Este é o caso da iluminación pública en Monforte.
En decembro do ano 2013 o Concello solicitoulle á empresa a refacturación dos derradeiros cinco anos, dende decembro do 2008 ata decembro do 2013. Diante desta reclamación Gas Natural Fenosa accedeu ás pretensión do Concello no que respecta ó período que discorre entre os meses de maio dos anos 2012 e 2013, pero rexeitou realizar a revisión da facturación dos anos anteriores.
A empresa fundamenta a súa negativa nun informe da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) no que se indica que só se pode volver facturar por un período máximo dun ano.
O Concello volveu reclamar a refacturación correspondente ós catro anos anteriores (do 2008 ó 2012), baseándose en que o informe da CNE ó que alude Gas Natural Fenosa non está publicado e, polo tanto, carece de validez.
O Concello recuperou máis de 27.000 € cobrados indebidamente, pero non desiste no seu empeño de que a empresa devolva as cantidades dos catro anos anteriores. A concellería de Servizos Municipais continuará realizando unha rigorosa revisión das facturas emitidas pola empresa subministradora de enerxía eléctrica.











