A Real Casa de Correos de Madrid inaugura a mostra ‘Camilo José Cela y los toros’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Xesús Vázquez na inauguración da mostra

Xesús Vázquez na inauguración da mostra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na Real Casa de Correos, sede da Presidencia da Comunidade de Madrid, na inauguración da exposición ‘Camilo José Cela y los toros’, que se poderá visitar neste edificio madrileño ata o vindeiro 31 de maio.

Vázquez Abad recordou que Camilo José Cela “foi un home que soubo abrirse á cultura popular como poucos, mantendo as súas raíces e acompañándoas, no seu impresionante labor intelectual e creativo, coas vivencias dun pobo que lle apaixonaba, cos seus costumes, os seus sentimentos e a humanidade profunda que aflora en cada unha das súas manifestacións”.

En palabras do titular de Cultura e Educación, “a obra dunha mente privilexiada como a de Cela ábrenos unha canle directa coa literatura para encontrarnos a través das súa páxinas coa atmosfera viva de algo que aínda somos, que habita en nos como parte do legado xenético e que revive con unha prosa que soubo captar e trasladar a súa maxia”.

Ademais, Vázquez Abad animou a todos os madrileños e visitantes a achegarse ata a Real Casa de Correos “para coñecer os obxectos atesourados polo Marques de Iria-Flavia, os libros que lle servían de fonte para integrarse no seu discurso e as páxinas que o seu talento expresou a través dunha pluma privilexiada”.

Finalmente, o conselleiro agradeceu á Comunidade de Madrid e ao seu Centro de Estudos Taurinos “o esforzo e traballo por organizar este proxecto expositivo que nos acerca á impresionante obra do noso Premio Nobel”. No acto tamén participaron o presidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González; e o director xerente do Centro de Estudos Taurinos e comisario da mostra, Carlos Abella.

9 de maio de 2014 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.