A princesa Ana de Inglaterra asiste á XVIII Conferencia da IALA na Coruña
A princesa Ana de Inglaterra asiste na Coruña á XVIII Conferencia da IAla (Asociación Internacional de Axudas á Navegación Marítima e Autoridades de Faros), con motivo do 500 aniversario da ‘Trinity House’, da que é presidenta de honra.
Sobre as 8,50 horas deste venres, a princesa chegou ao Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco), onde se celebra este encontro, tras pasar a noite nun hotel da cidade.
Á súa chegada, foi recibida polas autoridades, entre elas a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; o presidente da Deputación coruñesa, Diego Calvo e o presidente de Portos do Estado, José Llorca.
Posteriormente, dirixiuse ás instalacións de Palexco, onde asiste ás intervencións programadas. Sobre as 11,00 horas, intervirá neste na súa condición de presidenta de honra da ‘Trinity House’, o organismo responsable das axudas á navegación de Inglaterra e que este ano cumpre os seus 500 aniversario.
RECEPCIÓN
Tras realizar un percorrido polas exposicións do congreso, -no que, entre outras cuestións, se abordan as últimas innovacións nas axudas á navegación-, a princesa Ana de Inglaterra desprazarase ata o Concello da Coruña, onde terá lugar unha recepción.
A súa axenda, con motivo da súa visita á cidade herculina, inclúe tamén unha visita á Torre de Hércules, o faro romano declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.











