A praia de Caión acada a súa 13ª bandeira azul e o paseo marítimo, o recoñecemento de sendeiro azul
A Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) veñen de facer pública a relación de iniciativas ambientais galardoadas coa bandeira azul neste ano 2014, outorgando por décimo terceira vez este recoñecemento á praia de Caión e incluíndo por primeiro ano un tramo do paseo marítimo da localidade no listado de sendeiros azuis.
En ambos casos trátase dun premio á labor desenvolvida nos últimos anos polo Concello da Laracha co propósito de poñer en valor a praia de Caión e o seu entorno. A bandeira azul ondeando xunto ao areal caionés é unha imaxe que se repite verán tras verán.
No caso do sendeiro azul, a bandeira que se izará por primeira vez no próximo mes de xuño é un recoñecemento ao “traballo, mellora e restauración do patrimonio natural e etnolóxico” e á “contribución positiva ao uso sostible do litoral”. A FEE e ADEAC consideran que o tramo do paseo marítimo de 1,8 quilómetros de distancia que parte da praza Eduardo Vila Fano, bordea ao completo a praia e remata no arroio Figueirido, preto do límite co municipio de Carballo, “desempeña unha función social importante” ao constituír un “excelente lugar para o disfrute da natureza” e ser un “elemento vertebrador para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade”.
O de Caión será o primeiro sendeiro azul da Costa da Morte. Na provincia da Coruña foron concedidos unicamente catro, quince en toda Galicia e corenta e seis no conxunto de España.
Ambas bandeiras azuis son distintivos internacionais que merecen a praia e o paseo marítimo de Caión e que indicarán a simple vista e cunha universal linguaxe aos miles de usuarios a calidade das instalacións e dos servizos que lles ofrece para garantir o seu benestar e a súa seguridade.