A Policía Local de Mos traslada as súas dependencias ao antigo edificio de Correos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Novas oficinas Policía Local de Mos

Novas oficinas Policía Local de Mos

A Policía Local mosense acaba de instalarse recentemente nas instalacións que, ata fai pouco, eran a sede de Correos en Mos. O edificio que anteriormente ocupaba Correos foi acondicionado para albergar as novas oficinas da Policía Local de Mos.

Nesta nova ubicación, os axentes municipais mosenses contan cun mostrador de atención ao público, despachos privados para atender ós usuarios cando van poñer unha denuncia, vestiarios e sala de reunións.

Os traballos de acondicionamento e mellora, que foron acometidos por operarios municipais, consistiron na división interior dunha parte da antiga estrutura para poder instalar os vestiarios, a eliminación das humidades propias dunha construcción antiga coma esta, o pintado da integridade do edificio, a instalación de firme novo no solo dos vestiarios e a dotación das oficinas con mobiliario. Ademais acondicionáronse exteriormente as dependencias con material gráfico e rótulos do escudo corporativo para que se identifique exteriormente que se trata da Policía Local.

Unha vez instalados, e tras varios días xa de traballo nas novas oficinas, o xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez Reguero, declaraba en nome de todos os axentes sentirse moi satisfeito coas novas dependencias policiais. Afirma que neste edificio traballan moito máis cómodos véndose optimizado o labor de oficina da Policía Local. “Agora o noso día a día transcorre moito máis cómodamente e, tanto axentes como veciños, dispomos de máis espazo nas oficinas da Policía”, afirma Álvarez.

A nova ubicación da Policía Local de Mos na parroquia de Tameiga, con dirección Estrada de Puxeiros a Peinador nº 37, ten ademais unha situación máis céntrica e cómoda á hora de acceder para a maioría dos habitantes do municipio mosense.

19 de maio de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.