A oficina de atención cidadá de Ferrol atendeu 400 consultas veciñais no primeiro trimestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O 62% das consultas que a veciñanza realizou a través da Oficina Municipal de Atención Cidadá do Concello de Ferrol entre os meses de marzo e a abril deste ano foron informadas e solucionadas. O resto das demandas se encontran en trámite de informe por parte dos diferentes servizos da Administración local.

Segundo os datos facilitados pola devandita oficina de atención, no último trimestre atenderon un total de 405 peticións, ben a través do teléfono en que está centralizada está prestación municipal -981 944 000- ou ben chegadas por medio do correo electrónico habilitado para este servizo: atencioncidada@ferrol.es. Destas peticións, foron tramitadas, informadas, respondidas e solucionadas 250. No que atinxe ao motivo das consultas máis frecuentes por parte dos veciños/as estas son, por esta orde: Mantemento de Viarios, Iluminación, Parques e Xardíns, Limpeza e Emafesa.

Aglomerados

Por outra banda, dende a Concellería de Medio Ambiente e Servizos que dirixe Borja Carro Múñoz, informouse das novas intervencións de aglomerado que está a executar durante esta semana o Servizo Municipal de Mantemento e Reparación de Infraestruturas do Concello de Ferrol. Así, os operarios da empresa adxudicataria desta prestación municipal, Misturas S.A, acometeron intervención de mellora de pavimentos e calzadas nos barrios do Ensanche A, Recimil, San Xoán, Caranza e Esteiro.

Estas actuacións de aglomerado fixéronse nas seguintes rúas: Ministro Patiño, Euskadi, rúa Monfero con Deporte, estrada de San Xoán, rúa 9 de Caranza, Vila do Conde e Avenida de Esteiro. Así mesmo, para a xornada de hoxe a previsión do servizo de Mantemento de Viarios é actuar na avenida Mac Mahón, na rúa Bertón e no Camiño do Paredón.

9 de maio de 2014 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.