A nova imaxe do Concello da Coruña simplifícase nunha “CeEñe”

Presentación da nova imaxe corporativa da Coruña
O alcalde, Carlos Negreira, acompañado pola tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, presentou esta mañá a nova imaxe corporativa do Concello e o novo manual para o seu uso que se aprobará na Xunta de Goberno Local deste venres, 16 de maio, para a súa implantación a todos os niveis de xestión municipal. “Será un proceso progresivo xa que non se derroga o anterior manual. Utilizarase ata o final das existencias convivindo os dous manuais durante un tempo”, explicou o rexedor.
Pola súa banda, a tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, destacou que a nova marca establecerá uns elementos de comunicación que fagan da cidade e da súa imaxe de marca algo único. Ademais, dáselle unidade visual aos logotipos municipais, creando unha marca homoxénea e reconocible para o cidadán simbolizada na CeEñe. “O manual anterior, do ano 1986, non cubría as necesidades que hai agora, xa que faltaba o máis importante: unha imaxe de marca asociada á cidade que unificase criterios e cubrise un dos grandes aspectos da comunicación actual como son internet ou as redes sociais”, explicou Galego, quen engadiu: “Xeráronse infinidade de logotipos, distintas marcas e non se establecían condicións de uso. Agora logramos esa unidade en todas as áreas, servizos, documentos, ou na web”.
A estrutura do manual marca por tanto as pautas para o uso dos dous elementos básicos: o escudo e o nome da cidade, representado na CeEñe, para crear unha única imaxe de comunicación á sociedade. Así, inclúe aspectos como as regras básicas de uso dos elementos comúns, a papelería, os elementos de comunicación, o merchandising, a gráfica para obras municipais, as publicacións, a flota, os uniformes e a señalética e a súa aplicación multimedia, establecendo un uso da image corporativa a través de internet tendo en conta as páxinas webs municipais e as redes sociais.
“En definitiva, impulsaremos esta Manual de Imaxe Corporativa para que sexa o insturmento para lograr a asociación entre cidade e Concello e unha marca común. Trátase dunha marca de cidade que nace do seu nome e pretende identificar a todos os coruñeses desde a singularidade, o identitario e o mundo das ideas”, destacou a concelleira. “Así -continuou-, a CeEñe será o noso aceno de identidade. C de Coruña, de cidadán, de capacidade, de cidade, de compromiso e de carácter”.
A tenente de alcalde tamén explicou que o obxectivo é que a marca transcenda a todos os sectores, “tanto a cidadáns e administracións como ás PEMES, comercios, hostalaría, Universidade, Porto, entidades sociais ou deportistas, asociacións de veciños, centros cívicos ou medios de comunicación. Queremos que sexa unha marca para todos”, concluíu.











