A natación está de noraboa en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Membros da corporación con Alicia Davila

Membros da corporación con Alicia Davila

O Club de Natación Mos en colaboración coas concellerías mosenses de Deportes e de Educación, que dirixen os edís, Isidoro Táboas e Kely Monzón, respectivamente, organizan o III Campionato de Natación Val da Louriña que se celebrará na Piscina Municipal de Mos, sita no Pavillón Óscar Pereiro nas Pozas-Petelos, o sábado 7 de xuño a partir das 17.00 horas da tarde.

Os nadadores que queiran participar deberán ser nenos e nenas nacidos entre 2001 e 2008, non federados e non inscritos en clubes de natación. O prazo de inscrición atópase aberto e rematará o vindeiro venres, 23 de maio. O límite de prazas ascende a 140 nadadores e nadadoras e a inscrición realízase por rigorosa orde de entrada. Os interesados en participar poden anotarse na propia Piscina Municipal de Mos en horario de apertura da mesma, de 09.00 horas a 14.00 horas e de 17.30 horas a 21.00 horas; ou a través do número de teléfono 986 334 070.

Todos os nadadores e nadadoras participantes no campionato recibirán un diploma acreditativo da súa participación.

A competición dividirase en catro probas mixtas para nenos e nenas e que serán as seguintes: categoría I 25 metros crol para os cativos de 6 e 7 anos, categoría II 25 metros crol para os cativos de 8 e 9 anos, categoría III 50 metros crol para os cativos de 10 e 11 anos, e categoría IV 50 metros crol para cativos de 12 e 13 anos de idade.

Medalla ó Mérito Deportivo

Novidade importante respecto da entidade organizadora deste campionato, o Club de Natación Mos, é que será galardoada cunha das Medallas ó Mérito do Concello de Mos que a administración local mosense outorgará con motivo da vindeira celebración da Festa da Rosa 2014. Concretamente, e como e lóxico, a distinción que recibirá o Club de Natación Mos será a Medalla ó Mérito Deportivo que, xunto coas outras tres Medallas ó Mérito do Concello de Mos, -Social, Cultural e Empresarial-, serán entregadas o domingo 15 de xuño ás 20.00 horas no novo auditorio e Centro Cultural de Torroso.

Historia

A historia do Club de Natación Mos comeza o 4 de outubro do 2003, momento no cal un grupo de pais, coa inquietude de promover a natación no Concello de Mos, decidiron crear o club. Daquela, os rapaces que querían nadar de xeito federado tiñan que ir a outros municipios coma Vigo, Porriño, Ponteareas ou Redondela.

O presidente fundador, Manuel Rodríguez, xunto con outros pais, realizou un gran esforzo persoal por constituír o club, buscando información, subvencións e entidades públicas ou privadas que axudaran a crear este proxecto. Froito de este esforzo, na tempada2007/2008 é cando o primeiro nadador do club asiste aos Campionatos Galegos de Idades conseguindo ademais a primeira medalla para o equipo.

Na tempada 2008/2009 vólvense a conseguir marcas mínimas con tres nadadores do club que asisten aos Campionatos Galegos, dos cales destaca a consecución da medalla de ouro, e polo tanto Campiona Galega, de Alicia Davila, na especialidade dos 400 metros estilos.

Na tempada 2009/2010 créase a nova sección Máster no Club, onde participan 17 nadadores entre 25 e 77 anos.

20 de maio de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.