A mostra “Por Monforte con Manuel María” lembra o cancioneiro sobre a Terra de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Como vén sendo habitual nos últimos anos e co gallo das Letras Galegas, o concello de Monforte organiza unha exposición relacionada con esta celebración.

Nesta ocasión lémbranse os dez anos do falecemento de Manuel María, fillo adoptivo de Monforte e un dos máximos referentes da cultura galega. Por outra banda, están preto de cumprirse os 25 anos da edición, por parte do Concello, do libro de poemas de Manuel María “Cancioneiro de Monforte de Lemos” editado en 1990. En relación ós dous feitos anteriores poderá visitarse na Casa da Cultura de Monforte, do 8 de maio ó 10 de xuño, a exposición “Por Monforte con Manuel María”.

Tomando como base a magnífica guía poética de Monforte e da Terra de Lemos que é o “Cancioneiro de Monforte de Lemos”, inclúense os trinta poemas do libro acompañados con apuntamentos sobre os lugares e persoeiros relevantes que aparecen na obra, así como un atractivo conxunto de fotografías actuais e antigas das diferentes etapas en que dividimos o percorrido da exposición: Carude; Escolapios e Compañía; o río e as pontes; as Clarisas e o Campo de Santo Antonio; a praza Doutor Goyanes, rúa do Comercio e Centro do Viño; a praza de España, Doutor Teijeiro e Inés de Castro; as rúas Bailén e Sto. Domingo; a muralla e S. Vicente do Pino; o Campo da Virxe e o Cardeal e de novo a Compañía. A estas dez etapas ou bloques engádense dous que completan a exposición: un sobre outros lugares de Monforte e outro sobre a Terra de Lemos.

En definitiva, “Por Monforte con Manuel María” é unha viaxe histórica, artística e literaria, pola cidade do Cabe da man do “Cancioneiro de Monforte de Lemos” de Manuel María. Unha viaxe coa que se pretende que os visitantes aprecien o rico patrimonio material e literario da cidade, pero tamén espertar en cada un lembranzas persoais asociadas ós lugares que aparecen nesta mostra.

Esta exposición conta cunha actividade complementaria que se levará a cabo o vindeiro sábado día 10 de maio ás 17:00 horas. Trátase dunha ruta por algúns dos lugares que figuran na exposición e que comezará na Oficina de Turismo, sita no Centro do Viño. Para participar nesta actividade gratuíta é preciso realizar unha inscrición previa, ata o propio sábado pola mañá, na Oficina de Turismo, ben persoalmente ou chamando por teléfono ó número 982-40-47-15. Será preciso un número mínimo de cinco persoas para que a ruta se leve a cabo.

7 de maio de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.