A mostra ‘Nimbos de luz’ inaugúrase na Estrada cunha xincana lingüística
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva estes días ao concello pontevedrés da Estrada a mostra itinerante ‘Nimbos de luz’, promovida pola Xunta de Galicia no marco das iniciativas conmemorativas das Letras Galegas 2014.
Inaugurárona hoxe, na sala de exposicións do Teatro Principal, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, nun acto no que tamén estiveron presentes os 150 escolares que participaron despois en dúas sesións da xincana lingüística ‘Díaz Castro na voz da xente’, que chega durante este ano a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) como complemento á mostra.
Durante o acto, o secretario xeral de Cultura incidiu no interese da mostra para difundir entre a cidadanía “a valiosa contribución de Díaz Castro á literatura galega”, así como para dar a coñecer o destacado labor desenvolvido ao longo da súa vida no ámbito da tradución. A través de 14 paneis con texto e fotografías que ilustran a traxectoria vital e profesional do poeta de Guitiriz, a exposición constitúe “unha das propostas centrais coas que a Xunta de Galicia conmemora ao longo de todo este ano as Letras Galegas 2014”, afirmou Anxo Lorenzo.
No acto tamén participaron o rexedor municipal, José López Campos, e o escritor e os comisarios da mostra Luís G. Tosar e armando Requeixo.
‘Díaz Castro na voz da xente’ na programación da RDL
Segundo explicou García Gómez, “a xincana lingüística é unha actividade complementaria da exposición, coa que a Consellería de Cultura e Educación quere achegarlle a figura, a obra e a vida de Díaz Castro á rapazada dun xeito lúdico, interactivo e divertido, e facer partícipe á RDL da celebración das Letras Galegas no marco da súa programación anual de actividades”.
Nas dúas sesións que acolleu hoxe A Estrada participaron 150 alumnos e alumnas do CEIP Figueiroa, do CEIP Cabada Vázquez , do CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes e do CEIP Pérez Viondi.
Tras o seu paso por Cerceda e pola Estrada, nela participará, ata decembro, alumnado de último ciclo de primaria e de secundaria de centros de ensino de Redondela, Vilagarcía de Arousa, A Rúa, Cee e Celanova, durante a estadías da mostra “Nimbos de luz”.
No desenvolvemento da actividade, a rapazada ten que ir superando, por grupos e guiada por monitorado, un total de catro probas ou retos relacionados coa vida e coa figura do persoeiro homenaxeado, nas que se combinan a compoñente histórico-lingüística coa dimensión lúdica e participativa: Penélope, Díaz Castro docente e tradutor, Nimbos de luz e Obra espallada.
As seguintes sesións da xincana serán o 16 de xuño en Redondela, o 15 de xullo en Vilagarcía de Arousa, o 24 de outubro na Rúa, o 1 de decembro en Cee e o 18 de decembro en Celanova. Máis infamación en www.xunta.es/linguagalega/programacion_rede_de_dinamizacion_linguistica_2014.
‘Nimbos de luz’ percorre as catro provincias galegas
‘Nimbos de luz’ é a exposición coa que a Consellería de Cultura e Educación conmemora as Letras Galegas 2014. Comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro, por medio de 14 paneis temáticos. A mostra compleméntase con folletos ilustrativos dos paneis e coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que afonda na figura do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, para dar a coñecer entre a cidadanía a vida e a obra do escritor ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio.
Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, a mostra pódese visitar ata o vindeiro 11 de xuño na sala de exposicións do Teatro Principal da Estrada. No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, chegará no mes de xuño a Redondela, onde se poderá visitar no Multiúsos da Xunqueira; en xullo a Vilagarcía de Arousa, en cuxo Auditorio se poderá ver do 1 ao 30; en agosto a Mondoñedo, onde se poderá visitar no Real Seminario de Santa Catalina, do 1 ao 29; en setembro á Coruña, con parada na Biblioteca Miguel González Garcés, do 2 ao 16, e a Lugo, onde se poderá ver na biblioteca nodal do 18 ao 30. Xa en outubro, acollerá en Ourense a Casa da Xuventude, do 2 ao 16, e en novembro a Casa da Cultura da Rúa, do 18 ao 3. A mostra rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova, do 16 ao 30 de decembro, logo de facer parada no concello coruñés de Cee do 1 ao 14.











