A Mancomunidade de Ferrol quere que a oficina de fomento do cooperativismo entre en funcionamento no último trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

Os alcaldes que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ratificaron na sesión plenaria celebrada esta tarde a solicitude de achega á Xunta de Galicia para a creación dunha Oficina de Fomento do Cooperativismo. O rexedor ferrolán e presidente da Mancomunidade avanzou que este novo servizo mancomunado prestarase dende o Centro Municipal de Emprego de Ferrol –situado na rúa Sagrada Familia, número 56 (en San Pablo-Catabois); e que tamén disporá de puntos de información nos municipios de Fene e Cedeira.

Co obxectivo de poñer en marcha esta oficina dirixida ao impulso do cooperativismo nos concellos da comarca, o pleno de alcaldes acordou solicitar á Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia co obxectivo de que esta financie o 80% desta actuación, presupostada en 26.500 euros. O 20% restante procedería dos concellos que integran a Mancomunidade. Esta contía económica permitiría, entre outras cuestións, a contratación dun técnico para atender o servizo. A previsión do organismo suprmanunicipal é que a nova oficina entre en funcionamento no último trimestre do presente ano.

Noutra orden de cousas, a Mancomunidade recibiu da Deputación Provincial da Coruña a confirmación dunha subvención por valor de 22.000 euros para o novo programa de Deporte Inclusivo. Esta cantidade permitirá sufragar o servizo de transporte adaptado para o desprazamento dos participantes ás actividades, así como parte do custe das memas. O ente supramunicipal ten previsto iniciar o vindeiro mes de setembro a nova temporada da iniciativa de Deporte Inclusivo, en que as persoas con diversidade poderán a Baloncesto e Tenis en cadeira de rodas, Boccia ou Baile adaptado. Inicialmente estas son as actividades que se programarán, aínda que dende a Mancomunidade non se descartan novas propostas no caso de que así o soliciten os destinatarios desta iniciativa.

12 de maio de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.