A longametraxe O Apóstolo proxectarase de balde no Museo Municipal de Lalín
Os lalinenses poderán ver de balde o vindeiro venres, 23 de maio, ás 20.30 horas, no Museo Municipal “Ramón Mª Aller” a longametraxe “O Apóstolo” no marco da programación cultural do Concello de Lalín deste mes de maio. Dirixida polo compostelán Fernando Cortizo, o filme é ademais novidoso polo seu sistema de rodaxe, ao ser a primeira película stop-motion de Europa desenvolvida mediante produción estereoscópica.
Máis de 200 profesionais participaron neste proxecto pioneiro da produtora Artefacto Producciones, entre os que destacan técnicos especialistas na captura con esta modalidade de 3D, animadores e modelmakers chegados desde todo o mundo, con experiencia en producións como os Los mundos de Coraline, La novia cadáver, Evasión en la granja o El señor de los Anillos.
Os actores que interveñen no seu reparto como Carlos Blanco, Manuel Olveira “Pico”, Luís Tosar, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco e Pedro Alonso, non só puxeron a súa voz aos bonecos aos que dan vida nas personaxes da historia, senón que foron interpretadas previamente as escenas para inspirar cos seus movementos e expresións reais aos animadores.
“O Apóstolo” conta cunha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago na que se mestura o suspense, o humor e a fantasía a partes iguais. A universalidade da trama vese reflectida tamén no escenario, o Camiño de Santiago, a ruta internacional de peregrinación por excelencia.
Conta con máis dunha cincuentena de premios tanto nacionais como internacionais (Festival Internacional de Moscú, Festival de Cine de Montevideo ou os Mestre Maestro, entre outros), o máis recente deles foi o de “Animpact” (Corea), que vén de gañar o pasado 6 de maio, como mellor filme do ano 2013.











