A Laracha pón á venda as últimas entradas para o monólogo de Rober Bodegas
O cómico carballés Rober Bodegas abrirá este venres a partir das 22.00 horas o cartel do II Festival do Humor da Laracha cun monólogo de dúas horas de duración no que fará un repaso por pequenas cousas que moitas veces se pasan por alto da publicidade, a seguridade, os aeroportos ou as dietas.
Durante os últimos meses Rober Bodegas triunfou con este mesmo espectáculo en diferentes localidades españolas, sendo un dos monologuistas mellor valorados pola crítica e o público mesmo a nivel nacional.
As últimas entradas para este espectáculo están á venda no Concello da Laracha e pódense adquirir en horario de mañá ao prezo de cinco euros.
Ao longo do mes de maio tamén se subirán ao escenario da Casa da Cultura outros destacados e coñecidos cómicos, como Víctor Fábregas (día 16), Cándido Pazó (día 23) e Manuel Manquiña (día 30). En todos os casos as entradas están xa á venda no Concello da Laracha.











