A Laracha mellorará 17 estradas rurais con cargo ao plan provincial dtc-93

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha, reunida hoxe en sesión extraordinaria, acordou aprobar a proposta do goberno local –coa única abstención do grupo do PSOE- para destinar os fondos do Plan DTC-93. Unha Deputación para todos os concellos.

Con cargo a este programa convocado polo ente provincial o Concello da Laracha percibirá 214.779,94 euros, que se empregarán para mellorar un total de dezasete estradas rurais situadas nas parroquias de Montemaior, Soandres, Golmar, Cabovilaño e Torás.

En concreto, as vías nas que se actuará son catro en Montemaior (O Xestal-Bustes, A Ferreira-Trixezo, núcleo de O Sopé e núcleo de Adrán), sete en Soandres (Campo-Silvoso-Portodoso, A Baiuca-A Torre-Bocixa, Senras-Encián-Boimir-Bouza-Currelos, Trixezo-O Pazo, acceso a Condesuso, e núcleos de O Toural e Vista Alegre), dúas en Golmar (San Cristovo-O Monte e acceso a A Fonteseca), tres en Cabovilaño (núcleos de A Teixoeira, O Regado e O Cancelo) e unha en Torás (A Barreira-Riotorto-Mirón).

O alcalde, José Manuel López Varela, adiantou que, ademais destas actuacións do DTC-93, en breve se iniciará o proceso de contratación das obras incluídas noutro programa provincial como o POS.

Ademais, o rexedor anunciou a posta en marcha dun “plan municipal de mantemento e conservación de vías urbanas e rurais”, avanzando que “nos próximos días imos comezar renovando o pavimento de varias rúas no casco urbano da Laracha”, afectando as actuacións a un tramo de Rosalía de Castro, á terceira travesía Santa Lucía e ás rúas Lugo e Silverio Moreda Alvariño. Tamén se realizarán melloras na rúa José Loureiro no ámbito do campo da feira de Paiosaco, así como na vía que comunica os núcleos de Buenos Aires e Areosa, é dicir, na saída da Laracha en dirección á parroquia de Vilaño.

Por último, salientou López Varela que a campaña de desbroce comezará a desenvolverse “a finais de xuño ou principios de xullo”.

Dous minutos de silencio

A Corporación gardou dous minutos de silencio na honra das mulleres vítimas da violencia de xénero e de Isabel Carrasco, a presidenta da Deputación de León que foi asasinada onte.

O alcalde mostrou a “enérxica condena, o pesar ante este terrible acto e o absoluto rexeitamento do Concello da Laracha a calquera tipo de violencia”. Tamén expresou o “máis sentido pésame aos seus familiares, persoas achegadas, ao Partido Popular e á provincia de León en Xeral”.

Como mostra de loito, as bandeiras do Concello da Laracha ondean a media asta durante toda a xornada. Ademais, os traballadores municipais e veciños do Concello concentráronse ás 12.00 horas á porta da Casa Consistorial para gardar un minuto de silencio.

13 de maio de 2014 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.