A Laracha adxudica o proxecto de promoción turística “Descubre o mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe en sesión ordinaria, sendo o punto máis destacado da orde do día a clasificación das ofertas –para a posterior adxudicación- presentadas para a execución do proxecto de promoción turística Descubre o mar,que dará continuidade ao programa Mar de Caión  relacionando os recursos costeiros cos do interior do municipio. O Concello da Laracha pretende que as actuacións contempladas estean rematadas antes de mediados de xuño pensando na campaña de verán.

O proxecto Descubre o mar está valorado en máis de 57.000 euros, que se cofinanciarán cunha achega económica da Consellería do Mar e do Medio Rural a través do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte. As actuacións que inclúe terán sempre moi presente os recursos mariñeiros, pero non limitará o seu ámbito xeográfico a Caión, senón que tratará de poñer en valor outros puntos de interese do interior do noso municipio.

Con cargo a este programa, durante as próximas semanas reforzarase a sinalización en todas as estradas larachesas que dirixen a Caión e instalaranse paneis informativos sobre recursos turísticos de referencia –como o museo do Arquivo da Pesca- así como da biodiversidade de especies animais e vexetais que existe na vila litoral. Ademais, unha das actuacións máis visibles será a instalación dunha pantalla xigante no casco urbano da Laracha na que se ofrecerá información de diversa índole tanto a peóns como a condutores.

Ao tratarse de dar continuidade ao proxecto Mar de Caión, o obxectivo final deste novo proxecto é a dinamización da economía e o impulso da iniciativa privada que favoreza a apertura de novas posibilidades de mercado (relacionadas, por exemplo, cos deportes náuticos, hostalería e atención ao público).

Premio María Moliner

O Concello da Laracha optará ao que sería o seu oitavo premio María Moliner. O goberno local acordou solicitar un ano máis a participación na convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte deste concurso que valora o desenvolvemento de actividades de animación á lectura.

O proxecto que presenta o Concello da Laracha titúlase Leer para crecer, que se está a desenvolver ao longo de todo o ano na aula lúdica municipal coa colaboración da biblioteca pública da Laracha. O programa inclúe a realización de moi diversas actividades, destacando entre elas dunha sesión de contacontos semanal. Os obxectivos que se procuran son lograr que os rapaces valoren positivamente os libros, promocionar o hábito da lectura entre eles e espertar nos máis cativos a imaxinación e a creatividade.

O premio deste concurso, dirixido a municipios de toda España que teñan menos de 50.000 habitantes, consiste en lotes de libros que o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte entregará ás bibliotecas cuxos proxectos sexan seleccionados.

O Concello da Laracha optará novamente ao premio María Moliner, galardón que o municipio xa obtivo en sete ocasións nos últimos anos, sendo un recoñecemento á importante labor educativa e de promoción da lectura que se realiza na aula lúdica, un servizo gratuíto para os usuarios que, ademais, facilita a conciliación da vida persoal e laboral das familias do municipio con nenos de entre 3 a 12 anos ao seu cargo.

Licencias urbanísticas

Por último, salientar que foron concedidas tres licencias de obras maiores, unha das cales ten por finalidade a construción dunha vivenda unifamiliar.

12 de maio de 2014 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.