A labor da Policía de Barrio da Coruña diminúe, por segundo ano, as chamadas á Sala do 092

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Julio Flores, informou esta mañá de que o labor da Policía de Barrio permitiu que en 2013 diminúan por segundo ano consecutivo as chamadas de cidadáns á Sala do 092, até alcanzar a cifra de 100.247.

“O traballo nos barrios das patrullas a pé, en moto e en coche radiopatrulla permite atender moitas incidencias de forma inmediata e, en consecuencia, isto influíu nunha diminución do 7,5% das chamadas recibidas na Sala do 092 respecto de 2012”, sinalou Flores, quen engadiu: “Co despregamento da Policía de Barrio reducíronse as chamadas á Sala do 092 nun 20% respecto de 2011”.

Flores informou de que do total de chamadas recibidas 887 consideráronse urxentes (incendios ou accidentes con feridos), 5.609 preferentes (accidentes sen feridos ou comunicar incidencias relacionadas con seguridade cidadá), 25.095 realizáronse para requirir información e 15.693 recibíronse para comunicar infraccións de tráfico: “A colaboración cidadá segue sendo fundamental para que a Policía Local poida levar a cabo o seu traballo de forma cada vez máis eficaz e unha simple chamada ao 092 pode ser de gran axuda”.

O concelleiro lembrou que se actuou en dúas estratexias para mellorar o traballo da Policía Local: “Hoxe traballan máis policías locais nos barrios e temos información de primeira man do que pasa nos barrios grazas á colaboración dos veciños”. “Pasouse de patrullar a pé tan só tres barrios da cidade en 2010 a patrullar entre 15 e 20 barrios na actualidade. Ademais, grazas ao Programa de Policía Comunitaria mantivéronse
77 reunións en 2013 para tomar o pulso dos barrios e coñecer en cada momento as preocupacións e demandas dos veciños, comerciantes e centros docentes”, engadiu.

Doutra banda, Flores sinalou que en 2013 continuouse colaborando en materia de seguridade cidadá co Corpo Nacional de Policía e destacou que a Policía Local realizou 166 detencións, un 56,6% máis que en 2012. “Quero destacar o traballo da Policía local na loita contra a violencia doméstica, ao deter a 53 persoas, o que supón un 120% máis que o ano anterior”, afirmou e continuou: “Imos seguir colaborando coa Policía Nacional para que a nosa cidade siga sendo unha das máis seguras de España”.

O concelleiro tamén lembrou que a Policía Local desenvolve múltiples tarefas de servizo ao cidadán, por exemplo o dispositivo especial da Noite de San Juan, onde 72 axentes traballan de forma coordinada con Bombeiros, Protección Civil e Policía Nacional para atender calquera incidencia: “Tamén os podemos ver traballando nos acontecementos deportivos ou lúdicos ao aire libre, como un maratón ou no Noroeste Pop Rock, ou regulando o tráfico nas 487 concentracións e manifestacións que se desenvolveron na nosa cidade en 2013”.

QUENDA DE NOITE

Flores quixo destacar o traballo realizado polos axentes que prestan servizo na quenda de noite. “Realizaron un traballo importante en materia de seguridade viaria, con 4.754 denuncias relacionadas co tráfico: 3.674 foron por estacionamentos indebidos, 548 por infraccións durante a condución, 503 por alcoholemia positiva e 29 por exceso de velocidade controlado por radar”, indicou, e continuou: “Tamén realizaron 72 actuacións de auxilio a cidadáns, 94 detencións, 190 controis de locais, 205 denuncias por infraccións á ordenanza de limpeza e 215 actas por incumprimento da ordenanza de ruídos”.

O concelleiro quixo destacar tamén que en 2013 púxose en marcha o dispositivo para a vixilancia do lecer nocturno na zona do Orzán. “Entre 5 e 8 policías locais todos os xoves e sábados de 23.00 até as 06.30 horas, apoiados por coches patrulla e por policías locais de paisano, realizaron máis de 1.300 actuacións relacionadas co control de estacionamentos indebidos, infraccións ás normas de seguridade cidadá e incumprimentos das ordenanzas municipais”.

16 de maio de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.