A importancia do eixo industrial e enerxético dos estaleiros protagoniza unha xornada en Ferrol

Conde e Rey Varela na inauguración das xornadas
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, no marco dunha xornada sobre industrialización organizada por Iberdrola, a Sociedade de Tasación e a Escola Europea de Negocios, que o inicio da construción do flotel de Pemex hoxe en Navantia supón o comezo dunha nova etapa tanto para o naval como para a industria ferrolá.
“O corte de chapa non fai senón recordarnos que, grazas ao noso traballo e esforzo común, o naval galego mira xa ao futuro con esperanza. Un futuro no que, unha vez acadamos carga de traballo, terá un papel crave a nosa industria auxiliar”, subliñou Conde, que defendeu o compromiso do Goberno galego coas auxiliares, traducido en 20 millóns de euros que a Xunta mobilizará para apoiar o seu financiamento na que é a primeira liña específica para este grupo de empresas.
O conselleiro mostrouse convencido de que o flotel de Pemex, sumado ao BAM que encargará Defensa, o deseño dun buque para Turquía,e a reforma do Monforte de Lemos, suporá un punto de inflexión na evolución da industria da bisbarra, unha evolución na que destacou o compromiso dos empresarios da zona e o fortalecemento da industria auxiliar como clave para captar novos investimentos.
Neste senso, sinalou que as compañías do auxiliar son claves para a diversificación industrial, que pode aproveitar nichos de mercado en ámbitos como o do sector enerxético.
O traballo que a Xunta realiza tanto con Navantia coma co resto das grandes industrias da bisbarra, explicou Conde, é un esforzo que ten unha dobre vantaxe. O conselleiro resaltou que non só supón un beneficio para elas e para os seus traballadores “senón que elas tecen á súa arredor unha rede de empresas auxiliares, pechando a cadea de valor e convertendo a esta zona nun núcleo perfecto para asentar novas industrias”, xa que se conta con empresas profesionais capaz de funcionar como provedores”.
Esta vantaxe, sinalou Conde, pode abrir Ferrol a novos sectores co financiamento da RIS3, e está a ser especialmente aproveitada pola Xunta nas súas iniciativas para captar novos investimentos, xunto a outros activos estratéxicos da bisbarra como o porto de Caneliñas, xa que o impulso á industria e a necesaria diversificación van estreitamente vinculadas ao porto de Ferrol.
Este apoio á comarca vese reforzado, así mesmo, no marco do novo programa Galicia 1.000, que permite aos emprendedores, microempresas e pemes que invistan en Ferrolterra contar con préstamos con intereses bonificados en ata 4 puntos porcentuais.
Innovación na cadea de valor
Todos estes apoios se complementan coa estratexia xeral coa que o Goberno galego busca acadar “a nova industrialización galega”, dixo Conde, e que pasa polo financiamento e, especialmente, pola innovación. En concreto, apuntou o conselleiro, por unha innovación en toda a cadea de valor na que están integradas as compañías galegas.
“O noso foco pola innovación nas cadeas de valor débese en parte á necesidade que teñen as empresas galegas de gañar tamaño”, apuntou Conde, “asociándose en clusters ou grupos creados ad hoc para innovar ou internacionalizarse”. E tamén, resaltou, á convicción de que a nova empresa industrial é unha cadea de valor global, un conxunto de compañías que cooperan en varios eidos.
Cada compoñente desa cadea de valor instálase naquel lugar onde a súa tarefa se pode desenvolver dun xeito máis eficiente, destacou o conselleiro, “e a nosa tarefa consiste en resultar o suficientemente atractivos como para fixar ese tecido industrial no noso territorio, evitar a obsolescencia dos nosos modelos industriais, e aproveitar as oportunidades que se abren en novos campos, dende a revolución da nanotecnoloxía ata a impresión en 3D”.
Horizon 2020 e RIS3
Galicia está a obter os primeiros resultados desa aposta grazas a iniciativas como os programas Innterconecta e Conecta Peme, pero Conde subliñou que esa aposta se reforzará con oportunidades como os 77.000 millóns de euros que a UE pon a disposición da innovación das pemes dentro do Horizon 2020, aos 2.300 millóns de euros que o programa COSME poñerá a disposición das pemes e, sobre todo, pola Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3.
Ese documento guiará o investimento ata 2020 de máis de 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores, dos que unha parte moi importante se dedicarán á industria.
O segundo dos retos que formula esta guía é poñer o foco na competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como o naval, a metalurxia, a automoción, a alimentación, o téxtil, a madeira, ou a enerxía.
“E aínda que xa somos punteiros en moitos destes sectores”, apuntou Conde, “a RIS3 permitiranos dispoñer de fondos para soster e aumentar a nosa competitividade, introducirnos en novos nichos de mercado, espremendo o noso know how no naval, o metal ou a automoción para acceder aos sectores aeronáutico ou aeroespacial”, e camiñar cara á fábrica do futuro, construída sobre a revolución da manufactura derivada de avances no ámbito da robótica ou a nanotecnoloxía.











