A III Big Ride Tui Open de España atraerá a centenares de ciclistas de BTT Enduro

Presentación da III Big Ride Tui Open de España
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe, na Casa do Deporte de Vigo, a terceira edición da Big Ride Tui, unha das catro probas incluídas no 2º Open de España de BTT Enduro que terá lugar os días 24 e 25 de maio na localidade tudense.
O titular de Deportes da Xunta salientou o óptimo escenario que achega Tui, aos pés do Monte Aloia e do río Miño, para a práctica desta modalidade deportiva de interese crecente en Galicia e en todo o mundo, ao ofrecer aos ciclistas de montaña “un relevo cheo de grandes saltos, contrastes e beleza, que poñen a proba a súa técnica e fortaleza física, ao tempo que lles permite gozar do entorno natural desta zona da fronteira galaico–portuguesa”.
Así mesmo, lembrou a vitalidade do ciclismo en Galicia nas súas diversas modalidades, sumando preto de 4.900 licencias e 191 clubs, o que a nivel nacional sitúa a comunidade nos postos sexto e quinto respectivamente. Desde o 2009 ata 2014 a Xunta ten destinado máis dun millón de euros a este deporte a través da Federación Galega de Ciclismo, ademais das subvencións aos clubs e dos patrocinios a equipos de alta competición.
A Big Ride, organizada polas entidades tudenses Club Ciclista Bike Patrol e Sherpa Project, consta de catro probas, das que a de Tui é a segunda que se celebrará este ano, precedida pola de Ojén (Málaga) que tivo lugar en marzo. As terceira e cuarta serán, respectivamente, as de Castejón de Sos (Huesca), os días 14-15 de xuño, e a de Cercedilla (Madrid), os días 25-27 de xullo. Ao igual que o pasado ano, estas catro probas conforman o Open de España de BTT Enduro.
Na actualidade a organización negocia albergar no 2015 unha das etapas da Enduro World Series de BTT (circuíto organizado pola EMBA-Enduro Mountain Bike Association).
Os circuítos das probas da Big Ride están formados por tramos en montaña cronometrados no que se alternan descensos e ascensos e enlazados por zonas de monte, pistas ou incluso estradas. No caso de Tui, hai cinco tramos cronometrados de entre dous e catro quilómetros, cunha distancia total a percorrer de 42 quilómetros. Ata a data hai 270 deportistas inscritos e se estima que o total de galegos participantes ascenda ao 40-45 por cento, incluído o ponteareán Tony Pérez, campión da anterior edición do Open de España. Entre os riders estranxeiros que competirán atópase Jerome Clementz, campión das Enduro World Series 2013.











