A Fundación de Deportes abre o prazo de inscrición na escola multideportiva de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Fundación Municipal de Deportes abriu esta semana o prazo de inscrición na Escola Multideportiva de Verán que se impartirá durante os meses de xullo e na que poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos de idade. Ademais dunha ampla gama de prácticas deportivas, os participantes tamén realizarán xogos e poderán iniciarse no piragüismo ou practicar patinaxe en liña. A cota é de 12 euros por asistir un mes e 18 euros pola temporada completa.

As Escolas Multideportivas e as outras actividades deportivas de verán dan continuidade ao programa de deporte para nenos e nenas que desenvolve ao longo do curso escolar a Fundación de Deportes co obxecto de promover a práctica de actividade física e os hábitos saudables entre a poboación infantil e xuvenil, así como para facilitarlles un primeiro contacto cos diversas modalidades deportivas para que cada neno e nena poida elixir entre a que máis lle guste.

Os interesados en participar nestas actividades deberán inscribirse ata o 13 de xuño nas oficinas da Fundación de Deportes, sitas nas dependencias de Fexdega, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Á folla de inscrición debidamente cumprimentada deberán aportar copia do DNI do neno ou nena ou da folla do libro de familia onde figura, así como o resgardo do ingreso da cota que se deberá realizar na conta da Fundación de Deportes de Nova Galicia Banco.

As actividades que se impartirán na Escola Multideportiva de Verán inclúen xogos de iniciación a deportes que se poden practicar na praia, como fútbol ou volei; xogos con implementos, como palas ou béisbol; xogos con material alternativo como pode ser freesbes ou indiakas; xogos cooperativos con paracaídas e ata xogos acuáticos con porterías e canastras. Tamén se impartirán sesións de iniciación ao piragüismo.

Todas estas actividades desenvolveranse nas praia da concha Compostela de luns a venres en horario de mañá. Habilitaranse dous grupos ao día en función das idades dos participantes comezando as actividades polos máis maiores, de 10 a 11.30 horas para seguir cos máis pequenos, que terán o seu tempo de 11:30 a 13:00 horas. Técnicos deportivos da Fundación dirixirán e supervisarán a práctica das actividades.

En caso de choiva, as Escolas Multideportivas trasladaranse ao pavillón municipal de Guillán.

As sesións de patinaxe en liña levaranse a cabo nas pistas do Parque do Cavadelo e en caso de choiva no pavillón de deportes do colexio Arealonga. Celebrarase de luns a venres con dúas sesións de hora e media de duración cada xornada. A primeira comezará ás 10 e a segunda as 11:30 horas. Un técnico deportivo especializado nesta disciplina será o encargado de impartir a actividade.

27 de maio de 2014 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.