A Fundación de Artesanía impulsa un obradoiro de elaboración de contas de vidro en Gondomar

Elaboración de contas de vidro
A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza en Gondomar o curso de especialización para artesáns “Elaboración de contas de vidro con soprete”, unha acción formativa na que están a participar desde o día 28 e ata mañá sábado un total de 15 alummnos.
Esta iniciativa forma parte da programación de cursos de formación continua impulsada pola Xunta co obxectivo de proporcionar aos artesáns galegos de formación técnica e especializada, potenciando así o talento galego.
A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou hoxe este curso, no que os alumnos están a realizar diversos exercicios elaborando contas de vidro, ao tempo que estudan a elaboración de filamentos de vidro e filigranas, e a decoración con esmaltes, pan de prata, ouro e cobre.
A formación xoga un papel clave no novo Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.











