A figura de Concepción Arenal ensálzase a través dunha unidade didáctica para Secundaria

Presentación da unidade didáctica dedicada a Concepción Arenal
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe no I.E.S. Concepción Arenal de Ferrol na presentación da unidade didáctica Concepción Arenal, unha voz rompedora, nun acto no que tamén estiveron presentes a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela.
Na súa intervención, o número dous do Goberno galego explicou que o obxectivo desta unidade didáctica é reparar a débeda que a historia ten coas mulleres a través da educación e do coñecemento das grandes figuras femininas da historia de Galicia, como é o caso da ferrolá Concepción Arenal e doutras moitas como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán.
Con ese obxectivo, Igualdade colabora coa Consellería de Educación a través do Plan Proxecta, unha colaboración que seguirá estreitándose este ano con programas como ‘Donas de si’, no que se poñen en valor a unha serie de mulleres que loitaron co obxectivo común de ser respectadas e escoitadas nunha época complicada para elas.
Susana López Abella enxalzou a “altísima calidade” da unidade didáctica, que emprega o audiovisual como instrumento pedagóxico e busca propiciar a aprendizaxe por descubrimento. O manual toma como base o filme Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, dirixido por Laura Mañá e producido por Zenit Televisión e Distinto Films coa participación da Televisión de Galicia, Televisión Española e Televisió de Catalunya.
A titular de Igualdade destacou que coa unidade didáctica se quere contribuír a poñer en valor a memoria histórica feminina de Galicia e “dotar ás xeracións actuais de referentes femininos que ofrezan usos e valores onde teña cabida a igualdade entre mulleres e homes e que sexan de utilidade na construción de proxectos vitais libres de condicionantes de xénero”.
Concepción Arenal foi unha escritora galega, avogada, activista social e loitadora feminista que tivo que traballar activamente para facerse un lugar nun mundo reservado en exclusiva para os homes. Na súa obra destaca á reivindicación das situacións marxinadas, dentro das que denunciou o abandono e penuria das prisións españolas, actividade que a fixo merecedora do nomeamento de visitadora de cárceres de mulleres en 1863 en Galicia.
Como penalista, Concepción Arenal formou parte da comisión encargada da reforma penitenciaria e do Código Penal e propuxo unha función educativa do sistema penitenciario que reformase ao delincuente en lugar de castigalo.











