A festa de clausura das EDM inicia as VIII Xornadas de Deporte e Saúde de Verín
Na xornada de mañá 27 de maio, a partir das 18 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá a festa de clausura das Escolas Deportivas Municipais (tempada 2013-2014), programada polo Servizo de Deportes
Esta actividade abrirá as VIII Xornadas de Deporte e Saúde, organizadas polo Concello de Verín, co fin de asentar o concepto de promoción da saúde a través dos campos de creación de ambientes favorables a saúde, fortalecemento da acción e participación comunitaria, desenvolvemento de actitudes persoais saudables e formulación dunha política pública baseada no deporte desde a infancia.
Na mesma terá lugar a exhibición dos/as alumnos/as das Escolas Deportivas verinenses (conformada polas de fútbol, natación e escolas deportivas municipais, e nas que participaron ao longo deste curso escolar máis dun millar de menores), nas disciplinas de pequexogos, psicomotricidade, xogo-deporte, fútbol-sala, tenis, acrosport, danza oriental, atletismo, aeróbic e urban. Con esta xornada de clausura amósase a pais e nais as iniciativas deportivas realizadas pola concellería de Deportes de Verín e os progresos nas mesmas dos seus/súas fillos/as.
Ao longo das VIII Xornadas de Deporte e Saúde se desenvolverán outras actividades de promoción da vida saudable como son ‘II Andaina Solidaria en Familia’, VIII Encontro Deporte e Saúde, VII Marcha Val de Monterrei, VIII Andaina da Eurocidade Chaves-Verín AECT ‘Ruta dos Santuarios’, XV Mundialito de Fútbol-Sala, III Encontro de Ximnasia dos Centros Sociocomunitarios de Ourense, V Torneo Internacional de Fútbol 8′ e Master Class de Atletismo.











