A Festa de 1906 iníciase coa colocación das letras deseñadas polas crianzas de Rianxo
Mañá venres 16 de maio, ás 17.00 horas, en Campo de Pazos (Taragoña), a Asociación Festival Antrospinos vai colgar as Letras deseñadas e elaboradas polas crianzas das escolas de CUVIDE, CAMPO DE PAZOS E O PAZO do CRA DE RIANXO que forman parte da exposición “A roda das letras. Liberdade das letras” organizada dentro da programación da FESTA DE 1906.
A FESTA DE 1906, que se desenvolverá o vindeiro sábado 17 de maio, en Campo de Pazos (Taragoña) está organizada polo Colectivo Antrospinos, coa colaboración, entre outras entidades, do Concello de Rianxo. Para conmemorar o Día das Letras Galegas, Taragoña quere revivir as festas populares de principios de século -polo que non hai que esquecer achegarse ataviado para a ocasión- cun mercado tradicional e popular -tamén ecolóxico-, un xantar apropiado e moita acción cultural (música, exposicións, obradoiros artesáns, poesía, …). Factura divertida e comprometida, estilo propio de Antrospinos.











