A Feira do Libro de Ourense érguese como foco dinamizador da actividade cultural da cidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Ourense, da que salientou a súa importancia como foco dinamizador da actividade cultural da cidade das Burgas, “non só pola propia oferta de actividades que van parellas a esta cita e polos autores relevantes que visitan as casetas, senón pola pegada que deixan naqueles que as visitan”.
Vázquez Abad tivo na súa intervención palabras de agradecemento para o labor da Biblioteca Nodal de Ourense, “cuxo novo edificio esperamos que poida ser o ano que vén unha realidade”. “Non en balde, – explicou- número de préstamos e de visitantes tense multiplicado por 2 no período 2009/2013. Así mesmo, o número de usuarios da Biblioteca acada hoxe xa os 30.905, un 31,3% máis ca no ano 2008”.
Á vista da importancia do papel das bibliotecas no fomento da lectura, a Consellería está a reforzar o papel das bibliotecas nas feiras, de tal forma que a Nodal de Ourense vai contar cunha caseta na que vai por a disposición dos visitantes unha sala de lectura infantil así como parte dos fondos da súa colección. Os visitantes poderán informarse tamén sobre os servizos e as actividades que a biblioteca ofrece e mesmo poderán facerse socios da mesma na propia Feira do Libro. “Ademais, – explicou o conselleiro- a biblioteca ten preparadas dúas actividades extraordinarias , as historias de Sole Felloza en ‘Pura palabra’, e as de Raquel Queizás en ‘A maleta da avoa’”, ambas as dúas dirixidas aos máis pequenos. “Trátase –dixo Xesús Vázquez- de actividades de dinamización da lectura xusto no público no que debemos incidir, o infantil, para que o hábito lector medre neles como parte natural da súa vida”.
Máis feiras e incremento do orzamento
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia recalcou a aposta do seu departamento polas feiras como ferramentas de gran valor para achegarlle o libro á cidadanía, promover a difusión das nosas editoriais, dos nosos creadores e tamén da nosa lingua, tanto en Galicia como no exterior. Neste sentido lembrou que a Consellería se implica este ano na organización de 12 Feiras do Libro de Galicia, 1 máis que o ano pasado e 5 máis ca no 2012. “Ao mesmo tempo –dixo- promovemos o sector do libro galego máis aló das nosas fronteiras, co apoio á presenza dos autores e editoriais galegas nas feiras internacionais de Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México). “O contexto económico non é favorable, pero a somos conscientes da importancia destas citas. Por iso este ano o investimento para o conxunto de actuacións que veño de citar ascende a preto de 275.000 euros, o que supón un incremento do 11,1% respecto do ano 2013”, salientou.
Na rolda de prensa participaron, ademais, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o presidente da Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, José Manuel García; e estiveron presentes o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e a concelleira de Cultura, Ana María Garrido
Nova aplicación
Ademais do agradecemento ao concello de pontevedra pola colaboración para a celebración deste evento, o conselleiro quixo salientar o traballo da Federación de Librarías de Galicia en prol da dinamización cultural, e felicitalos “por seren conscientes da necesidade de innovar, o que queda de manifesto coa nova aplicación para teléfonos e dispositivos móbiles que van lanzar nos próximos días sobre as Feiras do Libro”.
Trátase dunha aplicación na que se poderá acceder aos programas de actividades de cada unha das 12 Feiras do Libro e que estará a disposición de todos os interesados proximamente a través do código QR que poderá obterse no propio cartel das Feiras.
Calendario
O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará este ano a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará tamén este ano a participación do sector editorial do libro en catro feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México).
Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.
O calendario comezou en Santiago de Compostela e percorreu xa as cidades de Pontevedra, Lugo e Vigo. En Ourense a feira celebrarase do 3 a 8 de xuño, tras o que pasará por Ferrol (11 a 15 de xuño), Ribadeo (17 a 20 de xullo), Rianxo (24 a 27 de xullo), A Coruña (1 a 10 de agosto), Viveiro (14 a 17 de agosto), Foz (21 a 24 de agosto) e Monforte (27 a 30 de agosto).