A Feira do Libro de Lugo impulsa a comercialización e promoción de autores e obras galegos

Raquel Arias na presentación da Feira do Libro de Lugo
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Lugo, onde salientou “o papel central destas citas no impulso á comercialización e promoción de obras e autores galegos”.
Así mesmo, a representante do Executivo galego na provincia valorou o reforzo que no 2014 se lle está a dar ao papel das bibliotecas nodais nas feiras do libro e animou aos centros de ensino a participar nestas citas, “un público cuxa presenza tamén nos propuxemos este ano reforzar, precisamente en casos coma este nos que coincide co calendario lectivo e coa celebración do Día das Letras Galegas”.
Neste sentido, Arias explicou que a Biblioteca Nodal de Lugo vai estar moi presente neste evento, cunha caseta na que vai por a disposición dos visitantes parte dos fondos da súa colección, e na que os visitantes poderán informarse sobre os servizos e actividades que ofrece e mesmo facerse socios.
Asemade, a biblioteca ten preparadas varias actividades, centradas boa parte delas no poeta Díaz Castro, protagonista do Día das Letras Galegas do presente ano. Deste xeito, está previsto un club de lectura en galego arredor da figura de Xosé María Díaz Castro e a súa obra clásica Nimbos (15 de maio) e tamén un obradoiro de actividades plásticas titulado Retratando a Díaz Castro (16 de maio).
Do mesmo xeito, segundo explicou a delegada territorial, a Biblioteca Nodal de Lugo promoverá tamén un obradoiro de ilustración e narración para todos os públicos (17 de maio) e o espectáculo narrativo-musical Viaxa connosco, a cargo de Vadim e Fátima Fernández (18 de maio).
No que atinxe á participación dos centros escolares, está prevista a celebración de actividades de animación á lectura nas que participarán alumnas e alumnos de varios centros de ensino. Do mesmo xeito, os grupos de acordeón e gaita do Conservatorio de Música de Lugo protagonizarán un espectáculo o día 14 de maio e, ao día seguinte, tomaranlle o relevo os alumnos do Conservatorio Profesional de Danza.
Na rolda de prensa, na que participou tamén a concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, e Nani Regueira, como representante da Federación de Librarías de Galicia, Arias realizou un agradecemento ao Concello de Lugo pola colaboración para a celebración deste evento e, por outra banda, quixo salientar o traballo da federación en prol da dinamización cultural.
Catro citas máis na provincia de Lugo
O calendario de Feiras do Libro de Galicia chega este ano a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia.
Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.
As primeiras das citas do calendario en Galicia foron en Santiago de Compostela e en Pontevedra. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte e antes percorrerán tamén as localidades de Vigo (23 de maio a 1 de xuño), de Ourense (3 a 8 de xuño), de Ferrol (11 a 15 de xuño), de Ribadeo (17 a 20 de xullo), de Rianxo (24 a 27 de xullo), da Coruña (1 a 10 de agosto), de Viveiro (14 a 17 de agosto) e de Foz (21 a 24 de agosto).











