A Eurocidade Tui-Valença convértese en escaparate do cooperativismo
Fortalecer a colaboración institucional e a intercooperación entre as entidades de Galicia e do Norte de Portugal é o obxectivo do encontro ‘A colaboración en rede na promoción do cooperativismo e a economía social: a Rede Eusumo’ que terá lugar o martes 27 de maio na Aula UNED de Tui, situada no antigo convento de San Domingos. A inscrición é gratuíta e aínda quedan prazas dispoñibles.
No evento, organizado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en colaboración coa Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, exhibirase unha mostra de produtos e servizos das cooperativas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que poderán presentar neste espazo as súas propostas empresariais.
A promoción do cooperativismo xuvenil, a exposición de experiencias cooperativas novidosas, as políticas de promoción da economía social na Eurorrexión e as posibilidades de futuro das cooperativas en Galicia e en Portugal son algúns dos temas que se abordarán na xornada, que concluirá cunha degustación de produtos cooperativos e a actuación de O Folión do Zampón.
As persoas destinatarias desta actividade que acollerá a eurocidade Tui-Valença son, principalmente, axentes públicos e privados relacionados coa promoción do cooperativismo e o autoemprego na Eurorrexión: axentes de emprego e desenvolvemento local, persoas socias de cooperativas xa constituídas, persoas interesadas en emprender e público en xeral. A asistencia á xornada é gratuíta, pero as prazas son limitadas. A inscrición pode facerse a través do teléfono + 34 678 759 079 ou do e-mail redeeusumo.divulgacion.ctb@xunta.es
Sobre a Rede Eusumo
É unha rede impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social na que participan entidades do sector e outras organizacións como universidades, concellos, fundacións ou cámaras de comercio. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio galego.











