A escudaría Máis Motor inaugura a tempada co 1º Autocross Carballo no Circuíto de Bértoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

1º Autocross Carballo, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross, inaugura a tempada de motor do ano 2014 no Circuíto de Bértoa. Trátase tamén da primeira proba que organiza a escudaría Máis Motor (+ motor), que comezou a súa andaina a primeiros de maio e que con este autocross afronta a súa primeira cita deportiva. O sábado 24 de maio está previsto que arredor de 70 pilotos comproben a efectividade das actuacións realizadas nos últimos tempos no circuíto carballés, que van dende a mellora dos espazos e a seguridade do público, ata a creación do abastecemento de auga para os vestiarios ou a mellora dos valados e do podio.

Segundo o vicepresidente de Máis Motor, Iván René Barreiro, “é a primeira vez que o circuíto está tan perfecto”, permitindo que se lle tire o máximo partido ás instalacións. Respecto dos horarios da cita, o sábado 24 ás 9.00 e ás 9.15 horas serán as verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.00 horas, e despois da comprobación da listaxe de pilotos, xa dan comezo os primeiros adestramentos en categoría 1.600 cc, Kart-Cross e 4×4. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, disputaranse as semifinais, coas finais previstas a partir das 17.15 horas e a entrega de trofeos para as 19.30 horas. A escudaría quixo expresar o seu agradecemento ao Concello, colaboradores e patrocinadores, pero tamén especialmente aos máis de 70 voluntarios e voluntarias que contribúen ao desenvolvemento da proba.

Respecto dos pilotos que está previsto que participen na cita, a escudaría ten confirmada a presenza de Michael Viñariño e Sergio Cancela, entre os locais; do campión galego Gabriel Serrano; ou de pilotos cataláns que teñen sido campións ou subcampións de España, como Juanjo Mol. O presidente de Máis Motor, Juan Puga, subliña que “todos os pilotos punteiros van estar presentes”. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo resaltar que, a pesar de tratarse dunha escudaría de recente creación, Máis Motor, “conta con xente de sobrada experiencia”. De mesmo xeito, o Alcalde, Evencio Ferrero, salienta que na directiva hai persoas “que lle teñen dedicado moitas horas ao mundo do motor”, polo que confía en que a carreira sexa un éxito, especialmente “porque é unha actividade deportiva que normalmente reúne a moitísima xente”. Por último, desexou a vitoria para os pilotos locais para que poidan subir na clasificación do Campionato Galego.

21 de maio de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.