A detección precoz da dependencia centra a clausura de Galisenior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Rogelio Martínez en Galisenior

Rogelio Martínez en Galisenior

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou nun dos últimos actos celebrados ao abeiro da novena edición de Galisenior, o Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrou en Expourense e que centrou as súas actividades en impulsar a estimulación cognoscitiva e a detección precoz da dependencia, como ferramentas fundamentais para acadar un envellecemento activo, autónomo e saudable. O acto organizouse para conmemorar os 25 anos do programa de Termalismo Social do IMSERSO co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos maiores.

Rogelio Martínez amosou a satisfacción da Xunta de Galicia co desenvolvemento desta edición de Galisenior que contou coa participación dun total de 59 expositores e na que a Consellería de Traballo e Benestar aproveitou para lembrar as distintas actividades que se están a levar na nosa comunidade destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto do que a padece como do que exerce e coidador.

Na súa intervención, Rogelio Martínez destacou a importancia da celebración dunha feira destas características nunha comunidade na que o colectivo conformado polas persoas maiores de 65 anos representa o 23% do total da poboación, o que a converte na segunda comunidade autónoma máis envellecida de España, detrás de Castela e León. Por esta razón, Galicia será unha das primeiras autonomías en aplicar o Índice de Envellecemento Activo para o deseño de novas políticas públicas destinadas aos maiores.

15 de maio de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.