A Deputación de Pontevedra informará por sms das prazas nos campamentos da Lanzada e de Príncipe Felipe
A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá o sorteo público das 2.500 prazas que a Administración provincial oferta nos seus campamentos de verán da Lanzada e de Príncipe Felipe. Foi nun acto aberto ó que asistiron a deputada Begoña Estévez e o director do Centro Príncipe Felipe, José Manuel González, así como algunhas nais e pais dos solicitantes das prazas.
A partir desta mesma tarde os pais, nais ou titores dos 2.200 nenos e nenas que participarán nos campamentos da Lanzada e dos 300 que o farán nos polideportivos de Príncipe Felipe comezarán a recibir un sms no que se lles informa do resultado do sorteo e se lles comunica un usuario e contrasinal cos que poderán acceder á descarga do recibo de pagamento. Así mesmo, na páxina web da Deputación terán as listaxes de admitidos e poderán consultar outros datos como a quenda que lles corresponde, o equipamento que deben levar para participar no campamento e a organización das actividades.
Ademais dos titulares das prazas o sorteo estableceu tamén unha lista de espera de 100 membros por cada unha das quendas dos campamentos, de forma que se se produce a renuncia a algunha das prazas, entraría o primeiro desa lista de agarda.
Diversión e convivencia
Os campamentos de A Lanzada están dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos e organízanse en 11 quendas de 200 nenos e nenas e cunha semana de duración cada unha. Inclúe un amplo programa de actividades, que inclúe xogos e deportes, actividades na praia, teatro, contacontos, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno e accións de sensibilización ambiental, entre outras.
O primeiro grupo de 200 nenos e nenas chegará á Lanzada o 22 de xuño e permanecerá no campamento ata o 28 do mesmo mes. As seguintes quendas serán do 29 de xuño ao 5 de xullo; do 6 ao 12 de xullo; do 13 ao 19, de xullo, do 20 ao 26 de xullo, do 27 de xullo ao 2 de agosto; do 3 ao 9 de agosto; do 10 ao 16 de agosto, do 17 de agosto ao 23 de agosto, do 24 ao 30 de agosto e do 31 de agosto ao 6 de setembro.
Cada unha das prazas terá un custe de 83,60 euros
Pola súa banda, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe, cun custe de 125 euros por praza, desenvolveranse en 6 quendas de 50 participantes cada unha e van dirixidos a nenos e nenas de 7 e 14 anos.
A primeira quenda será do 7 ao 12 de xullo e a ela seguiranlle outras do 14 ao 19 de xullo; do 21 ao 26 de xullo; do 4 ao 9 de agosto; do 11 ao 16 de agosto, para pechar do 18 ao 23 de agosto.
Neste caso, os beneficiarios disfrutarán de actividades diversas nas instalacións do centro, con obradoiros, deportes en equipo, tiro con arco ou actividades acuáticas, así como saídas ao medio natural e a un parque multiaventura.











