publicidade hoxe

A Deputación de Ourense asina un acordo co persoal para a nova xestión da recollida de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense e o comité de empresa chegaron hoxe a un acordo, logo de case un ano de negociacións, para a nova xestión da recollida de lixo, que se prevé cambie de modelo a partires do 1 de xaneiro de 2015 coa creación dunha sociedade de economía mixta, pública e privada, da que formaría parte a Deputación de Ourense, que se encargaría da xestión medioambiental de recollida de residuos sólidos urbanos.

Na devandita data entraría en vigor o acordo acadado hoxe, que afecta a 65 traballadores do ente provincial, adscritos ao servizo de recollida de lixo, que pasarán a depender da nova empresa mixta que se cre, pero tendo como garantía que todos eles manterán o seu posto de traballo, ben na empresa, ou, de darse o caso, na deputación ou nos concellos. Tamén se lles garanten as condicións de traballo recollidas no convenio que se lles aplica.

Con este acordo se encara con absoluta solvencia o proceso de externalización da recollida de lixo mediante o devandito modelo de creación dunha sociedade de economía mixta de xestión dos servizos intermunicipais delegados de recollida de RSU, recollida selectiva de envases lixeiros, vidro e papel–cartón e xestión de puntos limpos e servizos supramunicipais de transferencia de residuos e lavado de colectores.

En opinión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen hoxe se reuniu co presidente do comité de empresa, José Fírvida, este acordo ao que se chega despois de meses de negociación “é sumamente positivo por canto se lle garante o emprego aos traballadores e se encara o proceso de externalización do servizo con outro tipo de solvencia, caracterizado polo aval do persoal, xa que ningún traballador perderá o seu posto de traballo”.

29 de maio de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.