A Deputación de Lugo tratou de cobrarlle ao Concello de Cervo dúas veces por un mesmo concepto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

O Concello anunciou hoxe que a Deputación tentou cobrarlle dúas veces polo mesmo concepto. En concreto, o Goberno Provincial esixía o pagamento duns 9.000 euros polo imposto do IAE que o Concello xa pagara anteriormente. Desta maneira, explica a edil de Facenda, Yolanda Pedreira, “a Deputación reclamábanos uns cartos que nós xa lles déramos”.

Un dobre intento de cobro que o Concello detectou de inmediato e contra o que presentou unha alegación. A Deputación, despois de varios meses, estimou a reclamación na que se explicaba de forma detallada o cobro duplicado. O escrito no que o Goberno Provincial informaba da aceptación da alegación entrou esta semana por Rexistro.

A edil de Facenda quixo facer unha valoración do acontecido: “A Deputación recoñeceu que intentara cobrar dúas veces os 9.000 euros ao aceptar a nosa alegación”. Pero para Pedreira o realmente grave é que “dende o Concello temos que estar moi atentos aos cálculos que fan dende a Deputación” e lamenta que “se o Concello non levase as súas contas ao día, tería pagado 18.000 euros ao Goberno Provincial en lugar dos 9.000 que lle correspondían”.

A responsable de Facenda explica que o funcionamento da Deputación é semellante ao das empresas eléctricas, xa que “hai que vixiar de forma moi minuciosa cada céntimo que nos piden”. “Coas eléctricas ocorre o mesmo: os consumidores temos que estar analizando as facturas para evitar que nos cobren de máis” remata Pedreira.

 

10 de maio de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.