A Deputación da Coruña súmase ao Premio Blanco Amor de Novela que se pretende revitalizar co municipalismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña acolleu esta mañá unha rolda de prensa na que a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Mariel Padín, anunciou a adhesión da institución provincial ao Premio Blanco Amor de novela. Trátase dun certame de carácter intermunicipal que cada ano organiza un concello galego coa colaboración doutras localidades.

Este ano, foi Redondela o que asumiu o reto de revitalizar este galardón que ten por obxectivo recoñecer a obra dun escritor en lingua galega. O seu alcalde, Javier Bas, presente tamén na presentación de hoxe, solicitou unha contribución de mil euros á Deputación, que ademais de aceptar asumir este financiamento, comprometeuse a divulgar este certame entre os concellos da provincia para plantexarlles a posibilidade de que tamén eles colaboren neste intento de recuperar o prestixio dun premio que cumpre xa a súa XXXI edición.

Por todo iso, Javier Bas agradeceu a contribución da Deputación da Coruña para “buscar o éxito inicial que este premio tiña cando se inaugurou” no ano 1981. “Agradecemos que nos escoitara e se puxera a disposición deste galardón que queremos que manteña a súa vocación de futuro”, declarou o alcalde.

Defensa da lingua

En representación da institución provincial, o deputado e alcalde de Outes, Carlos López Crespo, falou dos tempos dos inicios deste certame nun momento de euforia e de solidariedade entre concellos que, segundo apuntou, “agora tense que recuperar”. Ademais, felicitouse polo “cariño pola nosa lingua” que se demostra con este tipo de accións.

Tamén o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, valorou a “implicación” da Deputación non só pola súa contribución económica, senón tamén polo “cariño” que puxo desde o primeiro momento no impulso deste galardón.

Na rolda de prensa celebrada na sede da institución provincial tamén estivo presente o escritor Xosé Manuel Martínez Oca, gañador da terceira edición do premio, e que destacou o seu carácter intermunicipal como o valor máis destacado deste certame. “Na unión de todos os concellos nun acto común é onde reside a importancia deste premio, e o interese agora retómase”, sinalou o autor.

O premio está dotado con 12.000 euros e o prazo de presentación de candidaturas, que se presentarán no Concello de Redondela, remata o 1 de setembro.

9 de maio de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.