A Deputación da Coruña organiza un obradoiro de sensibilización no aniversario da maior adhesión de países á Unión Europea
O centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, Europe Direct, organizará este venres un obradoiro de sensibilización para conmemorar o aniversario da que foi a maior ampliación da Unión Europea con 10 novos países e 75 millóns de habitantes.
O 1 de maio de 2004 foi cando se produciu este cambio na UE e se pasou de 15 a 25 estados membro ao incorporar tres antigas repúblicas soviéticas (Estonia, Letonia, Lituania), catro antigos satélites da URSS (Polonia, República Checa, Hungría e Eslovaquia), unha antiga república iugoslava (Eslovenia) e dúas illas mediterráneas (Chipre e Malta). Aquela quinta ampliación permitiu a reunificación do pobo europeo, dividido durante medio século pola Guerra Fría.
Agora, dez anos despois, conmemórase esta data e a constitución dun espazo político e económico de 450 millóns de cidadáns. Na Coruña, este obradoiro, aberto a todos os públicos, terá lugar entre as seis e as oito da tarde na Biblioteca Provincial, onde durante toda esta semana, haberá tamén unha mesa informativa con material de todo tipo para difundir o funcionamento das institucións europeas.
Na actividade os máis pequenos confeccionarán guirnaldas e bandeiras coas que localizarán no mapa os distintos países que forman parte da UE.
Pola súa banda, o stand contará con diversas publicacións gratuítas sobre distintos aspectos da vida dos cidadáns europeos. Haberá dende libros infantís didácticos ata manuais e folletos. Ademais, o equipo de expertos de Europe Direct estará a disposición dos interesados para resolver calquera dúbida que teñan sobre a UE.











