A Deputación da Coruña celebra o Día das Letras Galegas con actividades infantís en Méndez Núñez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación provincial quere celebrar cos veciños da comarca da Coruña o Día das Letras Galegas e para iso durante a xornada do sábado organizará unha serie de actividades infantís nos xardíns de Méndez Núñez e, en caso de que o tempo non acompañe, trasladaranse ao Fórum Metropolitano.

A primeira delas comezará ás 17.30 horas coa Ludoteca Xiramundos. Consistirá nunha “Casa dos xogos” na que se ensinará aos pequenos xogos tradicionais de distintas orixes e culturas. Estas actividades fomentan a creación e a construción, a psicomotricidade e o pensamento, ademais de que a rapazada adquirirá novos coñecementos pedagóxicos.

Ás 19.00 horas será a quenda do grupo de teatro e música Ghazafelhos coa obra “A nena e o grilo nun barquiño” de Magín Blanco. Trátase da segunda entrega de “A nena e o grilo”, que fala de valores como a solidariedade, o respecto pola natureza ou a identidade, entre outros.

V Premio Rosalía de Castro

Coincidindo con esta data sinalada, mañá reunirase na Deputación o xurado do Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística para determinar a quen se lle concede este ano o galardón, que vai pola súa quinta edición.

Este certame recoñece a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico e cultural de forma desinteresada. En anteriores edicións levaron o premio Os Regueifeiros de Bergantiños, Pedro Benavente Jareño ou a Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, na última edición recuperouse a dotación económica, que ascende a 4.500 euros

Xosé María Díaz Castro na Biblioteca provincial

Pola súa banda, a Biblioteca provincial, tamén se quere sumar a esta celebración e organizará varias actividades na honra do autor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro. Por unha banda, expón unha mostra sobre a vida e obra do escritor na escalinata das instalacións e prepara un recuncho temático no vestíbulo para os seus libros.

Ademais, todos aqueles usuarios que leven prestado material en galego recibirán un agasallo da biblioteca.

O persoal tamén preparou guías de lectura relacionadas coas Letras Galegas tanto para adultos coma para nenos e neste último caso haberá unha selección de lecturas en galego recomendadas para socios de entre 3 a 18 anos.

Tamén para o público infantil será o obradoiro, aberto a todos os interesados, que se organizará maña no vestíbulo do centro. Nel, e a través dunha imaxe, os nenos que participen crearán o seu propio conto. Será de 18.00 a 20.00 horas e a entrada é libre.

15 de maio de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.