A Deputación da Coruña acolleu unha sesión informativa sobre “Europa cos cidadáns 2014-2020”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña acolleu estes días unha xornada informativa sobre o programa “Europa cos Cidadáns”. Trátase dunha nova edición desta iniciativa europea que se desenvolverá dende o ano 2014 ata o 2020.

Dende Europe Direct, centro oficial da Comisión Europea sito na Deputación, organizáronse estas charlas para dar a coñecer o proxecto, que ten por obxectivo implicar aos cidadáns nas decisións políticas e na definición das liñas a seguir pola Unión Europea en ámbitos tan relevantes como o crecemento económico, a seguridade ou o papel de Europa no mundo. Neste caso, as conferencias centráronse nas accións relativas á irmandade de cidades e ás redes de cidades irmandadas.

A sesión estivo dirixida a autoridades locais e rexionais, así como a comités de irmandades, foros de reflexión e membros de centros de investigación, educativos ou culturais. Tamén participaron outras organizacións da sociedade civil e sen ánimo de lucro, que poden presentar proxectos susceptibles de recibir apoios financeiros deste programa europeo.

A vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, foi a responsable de dar a benvida institucional ao acto, no que invitou aos técnicos a unirse e cooperar entre eles para optimizar recursos. “Europa cos cidadáns contribúe a lograr os mesmos obxectivos que vós tedes cada día no voso traballo, pero cun valor engadido, a dimensión europea”, declarou Padín.

Pola súa banda, a técnica do Punto Europeo de Cidadanía, Tamar Lavado Huerta, presentou o programa Europa cos Cidadáns 2014-2020 mentres que Carlos Ameijenda, do Concello de Abegondo, expuxo un caso práctico dunha rede de cidades.

14 de maio de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.